O Pleno reclama o cese do concelleiro de persoal por cesión ilegal de traballadores
Os nacionalistas cuestionan tamén que o PSOE prefira contratar persoal de apoio para as festas mentres non se cubren servizos esenciais para o Concello, como a limpeza ou a policía local.
Betanzos, 3 de setembro de 2013. O Pleno exixiu ao alcalde o cese do concelleiro de persoal pola denuncia contra o Concello por cesión ilegal de traballadores. Saber que algo é ilegal e permitilo é unha prevaricación, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, no Pleno. Os nacionalistas pediron tamén que se poña esta situación en coñecemento da fiscalía para que a xustiza resolva sobre este tema. Para o BNG, se é preciso contratar persoal, haberá que facelo polas vías legais e non en fraude de lei.
Os nacionalistas cuestionan tamén que o PSOE prefira contratar, mesmo en fraude de lei, persoal de apoio para as festas mentres non se cubren servizos esenciais para o Concello, como a limpeza ou a policía local. É preciso contratar unha secretaria para as festas coa que está caendo?, preguntou Del Río. Hai unha baixa de longa duración na escola infantil que o goberno do PSOE non cubre, denunciou o voceiro do BNG, o mesmo pasa con prazas de limpadoras no colexio ou policias locais.
O Pleno, a instancias do BNG, exixiu ao goberno local do PSOE que achegue os informes que autorizaron a contratación deste persoal de apoio para as festas. Exiximos un informe sobre a legalidade da subcontratación de persoal pola Admnistración Pública, indicou o concelleiro nacionalista.
O PSOE contratou persoal de apoio para a organización das festas por medio dunha empresa e que o persoal desta empresa utilizou dependencias e medios municipais, afirmou Del Río. Polo que sabemos, o contrato ía ser para a Feira Franca, até o 15 de xullo, mais esta persoa estivo no Concello até o 23 de agosto, indican desde o BNG.
O PSOE levou ante a Fiscalía ao goberno do PP por contratacións no Conservatorio deste estilo e agora contrata persoal de apoio para as festas do mesmo xeito, denunciou o voceiro do BNG. O que queda claro con todo isto é que por moito teatro que fagan PP e PSOE gobernan do mesmo xeito, utilizando os cartos públicos para facer clientelismo, criticou.
PSOE e PP de acordo en que un técnico de promoción económica faga só festas
Os nacionalistas lamentan que PSOE e PP bloqueasen a solicitude doutro informe no que o goberno local aclare por que estraga os servizos do técnico de promoción económica na organización das festas. O Concello paga todo o ano a nómina dun técnico que tiña que deseñar alternativas para combatir as cifras de desemprego e PSOE e PP están conformes en que só organice festexos, denunciou o voceiro do BNG.
Agora entendemos que inciativas encamiñadas a crear emprego como o banco de locais comerciais ou o viveiro de empresas estean, sequera, sen principiar porque o técnico de desenvolvemento económico está moi ocupado organizando a semana do pincho, que como todo o mundo sabe crea unha cantidade enorme de postos de traballo, ironizou Del Río.