Del Río: por desgraza o Mandeo ten problemas moito máis preocupantes que a limpeza das beiras
Desde o BNG lamentan que o goberno do PSOE entenda necesario limpar o río só de no verán e de cara ao turismo. O BNG desculpouse por non poder acudir á homenaxe a Xulio Cuns por coincidir coa XIV Asemblea Nacional.
Betanzos, 16 de marzo de 2013. O BNG insistiu na necesidade de rematar cos verquidos que padecen aínda os ríos Mendo e Mandeo ao seu paso por Betanzos. Recordan que o Pleno ven de aprobar unha moción na que reclamaban ao goberno local do PSOE que situase entre as súas prioridades mellorar a rede de saneamento para evitar que augas residuais sigan indo a parar directamente ao río.
Os nacionalistas aseguran que por desgraza o Mandeo ten problemas moito máis preocupantes que a limpeza das beiras, que o PSOE anuncia que levará ao Pleno. Nun río como o Mandeo, un espazo natural protexido, a limpeza das beiras non se pode facer de calquera xeito, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Hai que garantir que a limpeza non afecta á cantidade de especies que viven do río, recomenda.
Os nacionalistas comparten a necesidade de retirar árbores caídas ao cauce para garantir a seguridade das persoas que navegan polo río, mais apuntan que o principal problema do Mandeo non está nas súas beiras, senón na calidade da súa auga.
Neste sentido, desde o BNG lamentan que o goberno do PSOE entenda necesario limpar o río só de no verán e de cara ao turismo. Os nacionalistas lembran que a pasada semana o alcalde pedía medio millón de euros para un carreiro á beira do río, que non vai amañar ningún dos problemas do río nin do concello. Falar neses termos implica ignorar o patrimonio que encerra o Mandeo e esquecer por completo a súa posta en valor todo o ano, aseguran.
O BNG non poderá asistir á homenaxe a Xulio Cuns por celebrarse a XIV Asemblea Nacional
O BNG excusou a súa asistencia aos actos con que o Concello nomeará fillo predilecto a Xulio Cuns, por asistir a militancia brigantina á XIV Asemblea Nacional da fronte. Xa é mala sorte que de todas as fins de semana do ano o goberno municipal fixera cadrar a homenaxe coa nosa Asemblea, lamentou o voceiro nacionalista. O BNG remitiu unha carta ao homenaxeado e a súa familia desculpando a súa ausencia e reiterando o recoñecemento á súa achega á cultura local.