A quen beneficia a privatización das nosas rúas? Artigo de Del Río sobre a ORA
"Nos últimos anos a empresa concesionaria non ingresou nin un peso das cantidades previstas no contrato como evidencian tanto a conta xeral como informes dos técnicos municipais. Tanto o anterior goberno do PP como o do PSOE sabíano, e ambos mantiveron esta situación de prexuízo para a veciñanza"
Betanzos, 6 de marzo de 2014. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, escribe no xornal 'Betanzos e a súa comarca', que edita ACEBE-CCA, un artigo de opinión no que reflexiona sobre o servizo da ORA, que o BNG propuxo suprimir no último Pleno. Polo seu interese reproducimos o artigo integramente.
A quen beneficia a privatización das nosas rúas?
Se algo puxo en evidencia a Pokemon é que a privatización dos servizos públicos municipais abriu a porta a prácticas corruptas, ademais de empeorar os servizos e facelos máis caros. E o PP deu pasos para facilitar estas corruptelas a través da reforma local e a privatización directa ou encuberta da sanidade e das infraestruturas.
Nas últimas décadas servizos como o abastecemento e tratamento da auga, os complexos deportivos, as escolas infantís ou o estacionamento, entre outros moitos, escaparon das mans dos Concellos para caer en mans de empresas privadas, que buscan ampliar os seus beneficios como sexa. E Betanzos non foi unha excepción.
Se algo puxo en evidencia a Pokemon é que a privatización dos servizos públicos municipais abriu a porta a prácticas corruptas, ademais de empeorar os servizos e facelos máis caros
O PSOE privatizou as piscinas e o polideportivo, a depuración da auga, a construción do cemiterio e até o estacionamento nas rúas. Neste último caso, levamos 13 anos coa zona azul da ORA. Desde o BNG criticamos este sistema desde o inicio por entender que supoñía privatizar a rúa para beneficiar as empresas privadas da ORA e do estacionamento soterrado do Campo.
Nos últimos anos a empresa concesionaria non ingresou nin un peso das cantidades previstas no contrato como evidencian tanto a conta xeral como informes dos técnicos municipais. Tanto o anterior goberno do PP como o do PSOE sabíano, e ambos mantiveron esta situación de prexuízo para a veciñanza.
A supresión da ORA vai ser beneficiosa para o pequeno comercio, xa que é evidente que mentres nas grandes superficies comerciais o aparcamento é gratuíto, para comprar en Betanzos hai que pagar
Se o Concello non percibe nada pola ORA e a recadación vai íntegra para unha empresa privada, o mellor será suprimir a ordenanza da ORA porque a situación do Concello non vai variar en nada. No último Pleno propuxemos suprimir a ORA e implantar un sistema gratuíto de rotación no estacionamento xestionado polo propio Concello. Aforrariamos pagarlle a unha empresa e evitariamos sangrar mais á veciñanza.
Entendemos ademais que a supresión da ORA vai ser beneficiosa para o pequeno comercio, xa que é evidente que mentres nas grandes superficies comerciais o aparcamento é gratuíto, para comprar en Betanzos hai que pagar e isto non axuda a que as persoas que viven na nosa área de influencia veñan facer as súas compras á nosa cidade.