PROPOSTA SOBRE O TRÁFICO NO CASCO HISTÓRICO

MetroBetanzos: distancias en minutos e metros (segundo Google Maps) desde as zonas de estacionamento
PROPOSTA SOBRE O TRÁFICO NO CASCO HISTÓRICO

MetroBetanzos: distancias en minutos e metros (segundo Google Maps) desde as zonas de estacionamento

1. O primeiro paso sería retirar o aparcamento irregular das zonas non permitidas do Casco Histórico para a continuación restablecer a preferencia peonil ou tránsito harmónico.

2. Pensamos que as rúas do Casco Histórico deberan ser peonís, agás aquelas nas que necesariamente teñan que convivir peóns con vehículos (como a rúa Nova ou San Francisco) onde en todo caso a prioridade debera ser dos peóns. Habería que delimitar un horario de carga e descarga para os diferentes comercios. Estableceríamos zonas de carga e descarga por exemplo no inicio da rúa Nova, no inicio da rúa de Santiago e praza de Lanzós e mais na zona de Santa María. Con estes tres puntos pode quedar cuberta a distribución neste entorno e, de ser o caso, poden reforzarse con outras fóra do perímetro amurallado según demanda.

3. Propomos crear unha tarxeta específica para os vehículos das persoas residentes no Casco Histórico, para garantir o dereito a estacionar na zona monumental nun horario que garanta comodidade residencial (nocturno, mediodía, etc).

4. Propostas sectoriais sobre estacionamento para os distintos sectores de poboación que teñen actividade no Casco Histórico:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  • para os clientes do comercio: convenio co aparcamento do Campo, non para os 20 primeiros minutos, senón un convenio que permita utilizar o aparcamento aos clientes (tendo en contra que o aparcamento non ingresa un só euro pola concesión ao Concello). Ademais, en sintonía co plan de viabilidade do Centro Comercial Aberto aprobado pola Xunta a comezos da pasada década, podería estudarse reorientar parte do convenio coa asociación de comerciantes para financiar o estacionamento gratuíto aos clientes do CCA.
  • para os turistas crear estacionamentos disuasorios nos principais accesos á cidade onde pararían tamén os autobuses das visitas guiadas.
  • para residentes: áreas específicas reservadas (as zonas de carga e descarga do Casco Histórico fóra do horario establecido) mais tarxeta do punto anterior para estacionar no horario establecido.
  • A maiores, obviamente, funciona a oferta do estacionamento soterrado do Campo.

 

5. O sentido do tráfico rodado para acceder ao recinto amurallado sería xusto ao revés: entrando por San Francisco en lugar de pola Porta da Vila e rúa do Castro (ter un carril de acceso con beirarrúas pola rúa do Castro é unha invitación a acceder co vehículo á zona vella). Moitos visitantes entran co coche sen saber cara a onde polo casco vello. Autorizaríase o paso puntual de residentes pola rúa Travesa e do Castro, que hai que dotar de mobiliario urbano para inhibir o tráfico ao imprescindíbel.

6. Do mesmo xeito, propomos reconfigurar determinadas zonas de estacionamento, para garantir máis usos no espazo público que o de simple aparcamento. Por exemplo, cambiando o estacionamento de beirarrúa na Rúa de Santiago téñense as mesmas prazas e permítese mellores oportunidades para o comercio e hostalaría dese enclave.

7. Cómpre sinalizar desde os aparcamentos disuasorios as distancias en pasos e minutos aos principais centros de interese e rúas comerciais do Casco. Se nalgunha rúa a peonalización provocara problemas de mobilidade nalgúns sectores de poboación polas costas como podería ser o caso dos Ferreiros, propomos estudar solucións alternativas como transporte público ou escaleiras mecánicas que non desentoen co contexto do Casco.

8. Desde hai anos o BNG propón o centro comercial aberto como a fórmula capaz de competir coas grandes superficies. Tal como demostran os exemplos de Pontevedra ou Allariz, gobernadas polo BNG, a peonalización non só foi un aliado fundamental para os comercios, senón un importante factor de calidade de vida, un paso determinante para crear unha cidade para as persoas, antes que para os vehículos. Ese é o camiño que marcan as cidades máis avanzadas do continente, esa é a senda do futuro.

9. O amoblamento urbano é fulcral para recuperar este espazo e dotalo de vida comunitaria. O aspecto actual das rúas non convida ao paseo e o lecer, privadas de mobiliario (bancos, árbores onde sexa posíbel a plantación, papeleiras, elementos ornamentais, etc). Unha rúa comercial en primeiro lugar ten que convidar a paseala, non ser un estacionamento. Mobiliario, iluminación e actividade cultural complementaria son mellor aliado para o comercio e a hostalaría que unha plancha de chapa de granito para estacionar.

10. Quen debe opinar sobre o tráfico e en xeral sobre o Casco Histórico? Pensamos que o Casco Histórico é patrimonio de todas e polo tanto debémonos responsabilizar todas de tomar decisións sobre como poñelo en valor. O debate non se pode restrinxir ás persoas e comerciantes do Casco senón que se debe abrir ao conxunto da veciñanza de Betanzos. Propomos que se convoque e se escoite a toda a veciñanza porque os acordos para poñer en valor o noso Casco Histórico, que é o noso principal valor e oportunidade, temos que tomalos cos consensos máis amplos posíbeis.

PROPOSTA SOBRE O TRÁFICO NO CASCO HISTÓRICO