O BNG lamenta a inconcreción da proposta do goberno para o tráfico no Casco Histórico
Nós entendemos que dar prioridade aos peóns é a mellor vía para rehabilitar o Casco Histórico, mais agardamos propostas concretas para trasladarmos á comisión de tráfico
Convidar a unha parte da veciñanza e dos comerciantes por carta a unha xuntanza, como fixo o PSOE hai dous anos, non é dar participación, é escoller o que se quere oír
Betanzos, 7 de xuño de 2016. O BNG amosou hoxe a súa decepción ante o plan de mobilidade presentado polo goberno local para a comisión de tráfico do vindeiro xoves. O PSOE leva desde 2013 dándolle voltas a permitir o estacionamento nas rúas peonís do Casco Histórico e canto nos presenta despois de tres anos son apenas tres folios, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
É unha tomadura de pelo presentar tres folios logo de tres anos, sae a folio por ano ironizou o edil do BNG. Dá boa proba do interese do PSOE no tema e da prioridade que para o goberno local representa o Casco Histórico, lamentou.
Neste sentido, desde o BNG cuestionan que, ademais, o plan do goberno local é demasiado inconcreto. Despois de tres anos dándolle voltas ao tema non se pode presentar un documento que fala de reservar 5 prazas de carga e descarga ou 2s para discapacitados sen propor unha ubicación concreta cuestiona.
Nós entendemos que dar prioridade aos peóns é a mellor vía para rehabilitar o Casco Histórico, mais agardamos propostas concretas para trasladarmos á comisión de tráfico explica Del Río. Entendemos que hai zonas onde persoas e vehículos terán que convivir, mais desde logo a rúa do Castro, a 20 metros do estacionamento e entrada principal da zona monumental, non pode ser un estacionamento, engade.
Neste sentido, o BNG puxo enriba da mesa unha proposta concreta sobre a mobilidade na zona vella. Son propostas concretas e claras, e abertas a ser modificadas, melloradas ou a sumar máis, explica o voceiro nacionalista.
A realidade insiste en demostrar que a presenza de estacionamento nas rúas e prazas do Casco Histórico é contraproducente para a súa dinamización e posta en valor, explica o nacionalista. Neste sentido, desde o BNG indican que desde xuño de 2007 os sucesivos gobernos locais toleraron o aparcamento na praza do Concello ou na rúa Travesa e porén o comercio do Casco Histórico non repunta, o número de habitantes descende, aumentan as infravivendas e empeora a conservación da zo na monumental.
Por este motivo, advirten, o plan do goberno local, ademais de vago e inconcreto, representa unha volta atrás de vinte anos. O PSOE propón tirar pola borda o pouco que se fixo pola rehabilitación do Casco Histórico porque ve a zona vella como un problema que resta votos, non como o plan estratéxico de futuro para Betanzos, lamenta Del Río.
Participación para tecer acordos
As nacionalistas aseguran que é necesario tecer acordos sobre o Casco Histórico, tanto sobre a súa posta en valor como sobre a propia mobilidade. Neste sentido, aseguran que a premisa de partida é a participación de toda a veciñanza neste debate. Convidar a unha parte da veciñanza e dos comerciantes por carta a unha xuntanza, como fixo o PSOE hai dous anos, non é dar participación, é escoller o que se quere oír indican. E xogar coas cartas marcadas non garante o consenso que o Casco Histórico require, engaden.
Documentación: consulta aquí o documento presentado polo goberno do PSOE