Pedimos á Xunta medidas para que Tafiber cumpra a normativa ambiental e laboral
Critica que reciba axudas públicas pese as reiteradas denuncias por verquidos, queima de residuos perigosos e denuncias dos traballadores
Santiago de Compostela, 5 de Abril 2017. O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas presentou unha batería de iniciativas parlamentarias instando á Xunta a adoptar as medidas de control necesarias para acadar que a empresa de elaboración de taboleiros de fibra de madeira, Tafiber- agora Betanzos HB-, cumpra a normativa ambiental e laboral.
Pese a que empresa acumula denuncias e sentenzas por incumprimento da normativa en medio ambiente e por incumprimento da normativa laboral, a factoría ten recibido cuantiosas axudas públicas.
Neste sentido, Rivas demanda do Goberno galego que faga valar estas subvencións para que Tafiber acabe tanto coas anomalías en materia laboral e respecte os dereitos do seu cadro de persoal, como coas irregularidades en materia ambiental, que teñen motivado mesmo sentenzas por vertidos á Ría de Betanzos que, lembra o deputado, está protexida pola rede natura.
Ademais, nos últimos tempos sucédense as denuncias veciñais advertindo de supostas queimas de residuos perigosos e mesmo do seu almacenamento en balsas con lodos. E todo isto pese a que a empresa ten recibido axudas para a súa adaptación á lexislación ambiental, incluíndo a súa inclusión en proxecto da Axencia Galega de Innovación.
O deputado coruñés reclama á Xunta que faga un seguimento do grado de cumprimento das obrigas da empresa a cambio de percibir axudas para poñer en marcha tratamentos de residuos innovadores. “Estamos ante unha empresa moi importante en termos económicos e de emprego para Betanzos, pero nada impide a factoría compatibilizar a súa actividade co cumprimento da normativa laboral e ambiental, e iso é o que demandamos do Goberno galego”, reitera Rivas.
Situada na localidade de Infesta, a empresa foi declarada “estratéxica” polo Executivo galego. No pasado mes de xullo de 2016, transcendeu que a Fiscalía de Medio Ambiente abriu dilixencias contra a factoría, tras informes previos do SEPRONA, e en 2015 a Inspección de Traballo abriu expediente á compañía por infrinxir a normativa de prevención de riscos laborais.
“Mesmo rexistrou varios accidentes de traballo por non cumprir coas medidas de prevención propias da actividade que desenvolve, ademais de ter sido condenada reiteradamente a readmitir traballadores despedidos de xeito improcedente a causa da súa filiación sindical”, denuncia Rivas na súas iniciativas parlamentarias que serán debatidas proximamente na correspondente Comisión de Medio Ambiente.