O BNG propón que o Concello se persoe na causa por delito ambiental contra Tafiber
No BNG consideramos que as novas dun proceso xudicial aberto por delito ambiental son o suficientemente preocupantes para a saúde pública e para o benestar da nosa veciñanza para que o Concello se persoe na causa
Betanzos, 21 de xullo de 2016. O BNG demandará no Pleno que o Concello se persoe nas dilixencias previas abertas no Xulgado nº2 de Betanzos contra Tafiber- agora Betanzos HB- por un presunto delito ambiental a raíz dunha denuncia da Fiscalía de Medio Ambiente.
No BNG consideramos que estas novas son o suficientemente preocupantes para a saúde pública e para o benestar da nosa veciñanza indican as nacionalistas tras facerse pública a denuncia presentada pola Fiscalía en base a unha denuncia presentada ante o SEPRONA por exempregados da factoría ubicada en Infesta.
Segundo os antigos operarios da fábrica sosteñen na súa denuncia, terían recibido ordes para queimar nas caldeiras industriais residuos triturados de madeira mesturados con lodos e augas residuais procedentes do proceso de produción de taboleiros, no que se utilizan produtos químicos, ademais de verquer residuos sen depuración previa a un regato.
Son datos realmente preocupantes e entendemos que o papel do Concello é velar pola saúde da veciñanza, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.