A mocidade reclama un aula para poder estudar ás noites
"A apertura desta sala de estudo podería levarse por medio dun programa de voluntariado no que o estudantado, autoorganizado, podia xestionar os horarios da aula de estudo, extendéndoos máis alá dos que ten a biblioteca para dar realmente o servizo que a mocidade demanda".
Betanzos, 8 de xuño de 2013. O xornal "Betanzos e a súa comarca" recolle nas súas páxinas, no seu número deste mes, un artigo do portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, sobre a demanda da mocidade de contar cunha aula de estudos. Polo seu interese, reproducímolo a seguir integramente.
O importante non é facer, é parecer?
Desde o BNG levamosao Pleno a demanda social da ampliación de horarios da biblioteca ou dunha aula de estudo. A reapertura da sala de estudo para ampliar o horario e apoiar o estudantado nestas datas de exames é unha demanda social que xa levamos ao Pleno estes últimos anos. O horario da biblioteca, que é de 10 a 14 horas e de 16 a 21 horas entre semana e sábados de 10,30 a 13 horas, resulta claramente insuficiente e existe demanda para que se abra un aula de estudo cun horario máis amplo.
O ano pasado, a iniciativa do BNG, o goberno local do PSOE abriu unha sala de estudo no ex-convento de San Domingos, en teoría para complementar a oferta da biblioteca. As persoas que empregaron este servizo teñen manifestado o seu malestar polo amobla
mento e dotación das instalacións e polo feito de que o horario de apertura da sala de estudo fose exactamente o mesmo que o da biblioteca. A configuración do horario provocou un uso discreto desta sala: se podes escoller entre dúas salas co mesmo horario, optas pola que mellores condicións che dá.
Nunca houbo unha preocupación real por cubrir as demandas da mocidade neste ámbito
O certo é que nunca houbo unha preocupación real por cubrir as demandas da mocidade neste ámbito. Este servizo nin sequera tería por que supoñer un aumento do gasto para o Concello. A apertura desta sala de estudo podería levarse por medio dun programa de voluntariado no que o estudantado, autoorganizado, podia xestionar os horarios da aula de estudo, extendéndoos máis alá dos que ten a biblioteca para dar realmente o servizo que a mocidade demanda.
No noso Concello hai locais municipais baleiros e sen uso, que ademais supoñen un gasto no seu mantemento. Moitos deles, ademais, precisaron un investimento de cartos públicos para acondicionalos. Mentres o goberno local busca escusas para xustificar que o estudantado teña que se desprazar ate A Coruña ou Ferrol para poder estudar polas noites. O único que falta é a intención de facilitar a vida aos veciños e veciñas.