O BNG exixiu medidas disuasorias para os coches que transitan a gran velocidade na rúa dos Ferreiros
María Otero: Temos constancia de que o goberno xa fora advertido desta situación con anterioridade e non fixeron nada para poñerlle solución
Betanzos, 6 de xuño de 2013. O BNG reclamou ao goberno local do PSOE que adopte algún tipo de medidas disuasorias ante o tráfico a grande velocidade pola rúa dos Ferreiros. A veciñanza da rúa dos Ferreiros tennos transmitido o seu malestar diante do tránsito de vehículos a velocidades excesivamente altas por esta rúa de marcada pendente, explicou a concelleira do BNG María Otero, ademais temos constancia de que o goberno xa fora advertido desta situación con anterioridade e non fixeron nada para poñerlle solución.
Dado que esta situación provoca moita inseguridade na veciñanza e que non é un problema que teña unha difícil solución, indicou a concelleira nacionalista, exiximos do goberno local que adopte medidas disuasorias para estas prácticas e garantir a seguridade da veciñanza.
Entendemos que non hai motivo ningún para que esta situació se prolongue no tempo, polo que reclamamos tamén que se lle dea solución o antes posíbel, informou Otero.
Non é a primeira vez que os veciños e veciñas nos trasladan o seu descontento por ter traladado problemas ao goberno local e non recibir resposta nin actuar para solucionalos, criticou a concelleira nacionalista, entendemos que a maneira correcta de funcionar o concello non é que teñamos que trasladar varias veces o mesmo problema para que o goberno se moleste en buscarlle unha solución.