'Dúas caras do mesmo sistema', auga e ensino sacrificados para que perdamos dereitos
"Até no máis básico perdemos dereitos e se pretende que as empresas aumenten beneficios, a costa de que a maioría perdamos dereitos. Unha especie de nova escravitude contra a que temos que rebelarnos. Por iso facemos un chamamento ás persoas boas e xenerosas a non permitilo e desaloxar do poder a PP e PSOE, que son dúas caras das mesmas políticas".
Betanzos, 11 de agosto de 2014. A todas as casas de Betanzos está a chegar xa un novo número do xornal Betanzos e a súa comarca, que edita ACEBE-CCA. Nas súas páxinas hai un artigo de opinión do noso portavoz municipal. Nel, Henrique del Río reflexiona sobre dous servizos básicos para as nosas vidas, como subministro de auga potable e o ensino público, e como o goberno- local e galego- os sacrifica para enriquecer a uns poucos. Polo seu interese reproducímolo integramente a seguir.
Dúas caras do mesmo sistema
Cara A: servizos privatizados, negocio para uns poucos
Desde os 70 temos a auga xestionada por unha empresa privada á que o PSOE foi prorrogando o contrato até 2020. Todas as obras, aínda que sexan reparacións, ten que pagalas a veciñanza, a luz para as instalacións pagámola todos e até lles puxemos un local para que fagan os seus negocios máis a gusto.
A recadación no último ano, segundo a conta xeral, foi de 3532,11 euros na traída e 303,84 no saneamento. O resto da factura que pagamos todos os meses vai ao peto da concesionaria. A pesar das continuas subidas das taxas para que a empresa non deixe de gañar, aínda que isto supoña que haberá veciños e veciñas que non o poidan pagar.
A auga é necesaria para a vida, polo tanto un servizo básico ao que todas as persoas temos que ter dereito. A realidade é que o que debera ser o máis básico dos servizos convértese nunha vía de especulación, o que en moitos casos implica clientelismos e corruptelas, como vemos nos medios día tras día.
Cara B, austeridade mal entendida, pagamos @s de sempre
No BNG entendemos que o ensino publico ten que ser un instrumento para superar as diferenzas sociais. Que a educación e imprescindíbel para garantir a calidade da democracia e a convivencia na sociedade.
O PP desde a Xunta decidiu que non necesitamos un novo colexio de educación infantil, que cunha ampliación do Vales separada 400 metros do orixinal é dabondo. É máis, di que non hai diferenza entre unha cousa e outra. De feito, nós soñamos con que construían un colexio novo pero sempre foi unha ampliación.
Que sorpresa! Supoño que tod@s vós tamén pensáchedes que era un colexio, porque así o prometeron. E tamén tod@s pensamos que un colexio con outro edificio separado 400 metros do antigo e un colexio novo non é o mesmo. Pois que saibades que segundo o PP estades equivocad@s: é fantástico e mesmo mellor! Máis barato desde logo que será, xa que aforran en persoal. Pero as consecuencias páganas @s nos@s fill@s.
Un engano a toda a comunidade escolar que repercutirá negativamente na calidade do ensino público na nosa cidade. E en lugar de defender este dereito, o PP betanceiro decidiu defender á Xunta. E ademais contradicíndose: o concelleiro do PP que foi á comisión de seguimento do colexio, José Ángel Rodríguez, asegurou que non sabían nada da conversión do novo colexio nun edificio auxiliar do Vales mentres que no Pleno o voceiro do PP, Pablo Tomé, asegurou que as promesas e anuncios do PP sempre dixeron que o colexio sería un apéndice deste.
Conclusión: até no máis básico perdemos dereitos e se pretende que as empresas aumenten beneficios, a costa de que a maioría perdamos dereitos. Unha especie de nova escravitude contra a que temos que rebelarnos. Por iso facemos un chamamento ás persoas boas e xenerosas a non permitilo e desaloxar do poder a PP e PSOE, que son dúas caras das mesmas políticas.