O BNG reclama ao goberno que prohíba estacionar dentro do parque Pablo Iglesias
O PSOE criticaba isto cando gobernaba o PP e o mesmo deterioro sobre os xardíns, camiños e árbores dábase hai seis anos e este, e o PSOE o tolera
Colgan as Balconadas, mais non garanten a quen queira velas que nunha rúa peonil non lle vai aparecer un coche por detrás exixindo paso
Betanzos, 8 de agosto de 2014. O BNG pediu ao goberno local que aclare os motivos polos que consentiu o estacionamento dentro do parque Pablo Iglesias durante a celebración da Feira Franca Medieval. Os nacionalistas demandan ao goberno do PSOE que non consinta que se repita esta situación cando comecen as festas patronais. Non todo vale con tal de ter Betanzos cheo de visitantes durante uns días, advertiu no Pleno o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O edil do BNG ironizou recordando como o PSOE criticaba hai anos que durante a Feira Franca Medieval o goberno do PP non facía nada por impedir o estacionamento abusivo no interior do parque Pablo Iglesias, unha práctica que agora tolera. Nós, que tamén o cuestionamos daquela, seguimos a cuestionalo agora porque o mesmo deterioro sobre os xardíns, camiños e árbores dábase hai seis anos e este ano prosegue con ironía.
Os nacionalistas interpelaron ao executivo para coñecer por que non se colocaron bolardos ou outro tipo de elementos que impidan acceder en coche ao parque pola parte máis próxima á estación do tren. Lamentan que esta situación, ademais, se dea noutros lugares da cidade como o peirao das Monxas ou o Casco Histórico.
Neste sentido, desde o BNG tamén reclaman ao executivo local que cumpra e faga cumprir coa ordenanza de tráfico no Casco Histórico. O feito de que unhas veces se aplique esta ordenanza e se sancione a quen a infrinxa e outras veces non é inxusto e arbitrario, e provoca agravios comparativos entre a veciñanza, advirten os nacionalistas.
O PSOE anunciou un plan de aparcamento exprés que basicamente consiste en que uns poden aparcar como e cando lles pete nas rúas e prazas peonís da zona monumental e a outras persoas se lles multa
O PSOE anunciou un plan de aparcamento exprés que basicamente consiste en que uns poden aparcar como e cando lles pete nas rúas e prazas peonís da zona monumental e a outras persoas se lles multa, relata Del Río. Insisten os nacionalistas en que este proxecto de aparcamento exprés foi elaborado polo goberno do PSOE citando a unha parte dos residentes e comerciantes do Casco Histórico e ignorando ao resto, aos que nin sequera convocaron.
Se o PSOE non está disposto a cumprir coa ordenanza de tráfico que a derrogue, retan desde o BNG. Os nacionalistas apostan por aprobar unha nova ordenanza de tráfico específica para o Casco Histórico negociando coas entidades representativas da veciñanza, comerciantes, movementos sociais, grupos da Corporación.
O goberno do PSOE evita cumprir a ordenanza de tráfico, facendo ver á veciñanza que é papel mollado
Malia anuncios reiterados na prensa de estudos que nunca chegan para comisións de tráfico que nunca se convocan, o certo é que día tras día a rúa Travesa está chea de vehículos estacionados, ao igual que a praza da Constitución, advirten os nacionalistas. O goberno do PSOE evita cumprir a ordenanza de tráfico, facendo ver á veciñanza que é papel mollado advirten os nacionalistas, que cuestionan a pasividade do executivo local mesmo cando a propia praza do Campo aparece chea de vehículos estacionados. Colgan as Balconadas, mais non garanten a quen queira velas que nunha rúa peonil non lle vai aparecer un coche por detrás exixindo paso, ironiza Del Río.
Os nacionalistas lamentan tamén que o executivo local do PSOE decidise retirar todo o mobiliario urbano que había- que xa era escaso e insuficiente- favorecendo a ocupación de rúas e prazas polos vehículos e, polo tanto, facendo imposíbel a preferencia peonil sobre estes espazos públicos. Isto implica que vida comunitaria e actividades de lecer non se poidan levar a cabo nas prazas da zona histórica do noso municipio, contribuíndo deste xeito a baleirar de vida e de actividade económica o Casco Histórico conclúen.