Diferenzas entre servizos, caridade e misericordia, artigo do portavoz municipal
"Foi lamentábel ver como o PP se posiciona de novo a favor de manter e mesmo incrementar os beneficios das eléctricas e vota en contra de que se lle garanta aos seus veciños e veciñas a luz necesaria para vivir cun mínimo de dignidade".
Betanzos, 9 de xaneiro de 2014. Está a chegar a todas as casas do noso municipio un novo número do xornal Betanzos e a súa comarca, que edita ACEBE-CCA. Nas súas páxinas aparece un artigo de opinión do noso portavoz municipal, Henrique del Río,onde analiza a diferencia entre unha política que garante os servizos sociais e outra, a da dereita, que busca substituílos por caridade. Polo seu interese, reproducímolo a seguir de xeito íntegro.
Diferenzas entre servizos, caridade e misericordia
No último Pleno do Concello, xusto antes do Nadal, o PSOE aprobou subir o copago do servizo de axuda no fogar para adaptalo a un decreto do PP na Xunta. Isto supón un recurte de 20 horas de media na atención ás persoas dependentes e unha suba no copago aos grandes dependentes. Agora o copago chegará ao 90% do custo total do servizo que cada persoa teña asignado.
Todo isto sen unha soa queixa por parte do PSOE nin unha soa mostra de desacordo: nin comunicados de prensa, nin xuntanzas cos demais alcaldes da comarca que si tivo para outras cousas que afectan menos á calidade de vida da veciñanza, nin ningunha manifestación sobre este tema. Mentres, os pais da criatura, o PP, abstéñense en Betanzos na adaptación dunha ordenanza a un decreto que eles mesmos aprobaron na Xunta. O mundo ao revés, con tal de facer electoralismo e aparentar que non teñen nada que ver coa suba do copago na axuda no fogar.
O BNG, evidentemente, votou en contra de obrigar a quen menos ten e máis precisa estes servizos a ter que pagar máis por eles
O PSOE asume como propio o modelo de substituír servizos sociais- dereitos- por caridade- esmola-, que está impoñendo o PP a nivel de estado e Xunta. O BNG, evidentemente, votou en contra de obrigar a quen menos ten e máis precisa estes servizos a ter que pagar máis por eles.
Nese mesmo Pleno presentamos unha moción pedindo que se garanta o subministro eléctrico ás familias con menos recursos. Foi lamentábel ver como o PP se posiciona de novo a favor de manter e mesmo incrementar os beneficios das eléctricas e vota en contra de que se lle garanta aos seus veciños e veciñas a luz necesaria para vivir cun mínimo de dignidade.
O PP posicionouse de novo a favor de manter e mesmo incrementar os beneficios das eléctricas e votou en contra de que se lle garanta aos seus veciños e veciñas a luz necesaria para vivir cun mínimo de dignidade
Pero despois uns e outros, PSOE e PP, lavan a súa conciencia, sobre todo en épocas como o Nadal, participando- ou mesmo organizando- eventos benéficos. Reducen servizos públicos, recortan orzamentos en servizos sociais, néganse mesmo a apoiar propostas dirixidas a garantir unha mínima calidade de vida aos que menos teñen e déixano todo en mans de esmolas.
Dicía Galeano, a quen non é a primeira vez que citamos nestes artigos, que a caridade é humillante porque se exerce verticalmente e desde arriba; a solidariedade é horizontal e implica respecto mutuo. Fai falla un mundo con maior xustiza social e menos defensa dos propios intereses e búsqueda do aplauso público a costa do sufrimento dos demais.
Desexámosvos un 2014 con maior xustiza social e maiores liberdades colectivas!