O BNG denuncia o abandono da pista polideportiva da Xerpe
Del Río: Polo que se ve o PSOE prefire ter os terreos das Minas convertidos nun vertedoiro incontrolado antes que poñelos a disposición da veciñanza que os poida precisar.
Betanzos, 7 de xaneiro de 2014. O BNG denunciou no Pleno o abandono que presenta a pista deportiva da Xerpe, na parroquia de Tiobre. A veciñanza achegou aos nacionalistas, por medio da asociación de veciños, as súas queixas xa que a pista deportiva está invadida de silveiras, impedindo que sexa utilizada por nenos e maiores.
Ademais, veciñas e veciños denuncian que os terreos que o Concello adquiriu hai máis de unha década na zona das Minas convertéronse nun vertedoiro incontrolado ademais de ter usos tan dispares como almacenar madeira das talas de toda a parroquia, o baleirado de cisternas do campo, escombros e terras procedentes de desmontes de obras e un longo surtido de lixo, segundo explicou no Pleno a nacionalista María Otero.
Por este motivo desde o BNG reclamaron ao goberno local do PSOE prazos concretos para poñer fin a estas situacións que mesmo entrañan un perigo para a veciñanza.
O goberno local do PSOE funde en asfaltado de pistas cartos de todos os plans de obras que aparecen, como se toda a necesidade de servizos no medio rural fose só esa, censura o voceiro nacionalista, Henrique del Río. O PSOE esquece achegar outros servizos á veciñanza das parroquias, nin amañan e dinamizan os locais sociais, nin manteñen as pistas deportivas en condicións para que a veciñanza poida usar estas instalacións que xa pagou cos seus tributos. Outra pista comida da broza é a de Castro e o goberno do PSOE non se preocupa en tela a punto para que se poida usar, denuncian.
Banco de terras para persoas sen emprego
O BNG propuxo, hai xa un ano, dedicar unha parte dos terreos municipais das Minas para uso de persoas sen emprego, de forma que poidan cultivar alimentos. A proposta non implicaría un cambio de titularidade, xa que a propiedade destes terreos deberá seguir sendo municipal, o que se cederá será o seu uso por un espazo limitado de tempo priorizando para a adxudicación a persoas desempregadas, con empregos temporais ou familias pertencentes a colectivos con risco de exclusión social. Os nacionalistas propuxeron ofrecer ás persoas interesadas unha programación formativa complementaria no centro de formación municipal, xa que o Concello ten en nómina un monitor de xardinaría.
Por desgraza, logo das boas palabras, o goberno do PSOE non fixo absolutamente nada por levar á práctica esta proposta a pesar de que a apoiaron no Pleno, denuncia o voceiro nacionalista. É o de sempre, votan as nosas propostas para irse de progres pero á hora da verdade o PSOE segue as receitas do PP para simular que fai algo para promover o emprego: eventos gastronómicos e concursos de fotos, sen ir realmente ao problema, lamenta Del Río.
Polo que se ve o PSOE prefire ter os terreos das Minas convertidos nun vertedoiro incontrolado antes que poñelos a disposición da veciñanza que os poida precisar, concluíu o voceiro do BNG.