O BNG volve solicitar a limpeza dos estanques da zona nova do parque do Pasatempo

O BNG esixiulle ao goberno socialista que efectúe os preceptivos labores de limpeza e de mantemento nas augas do estanque da zona nova do parque e que aplique os tratamentos necesarios para evitar esta situación recorrente.

O BNG volve solicitar a limpeza dos estanques da zona nova do parque do Pasatempo

Betanzos, 27 de maio de 2024.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para pedir melloras e limpeza na parte nova do parque do Pasatempo, moi afectadas pola presenza de algas.

Segundo a concelleira nacionalista, Vanessa Rey, “as familias que pasean pola zona nova do parque do Pasatempo seguen amosando o seu malestar pola limpeza dos estanques do parque. Esta zona vese frecuentemente afectada pola presenza de algas que provocan que a auga se torne verde e se vexa cuberta de algas. Este feito, ten causado a caída de crianzas aos estanques ao se veren confundidas pola cor da auga”.

“Trátase dun parque moi frecuentado polas crianzas e familias de Betanzos e pensamos que merece unha atención e mantemento adecuado que o goberno local non lle está prestando”, engadiu. “Se o problema da proliferación de algas é, como o goberno local dixo nun comunicado público hai uns meses, consecuencia da elevada concentración de nutrintes na auga dos estanques, hai medios baratos e solventes para pór solución” indicou a concelleira do BNG. 

Vanessa Rey indicou que coa plantación de especies acuáticas como nenúfares, carrizos ou plantas subacuáticas autóctonas redúcese notablemente a carga orgánica da auga e reduce a superficie exposta ao sol, de maneira que se combaten as algas. “Ademais, esta solución mellora a estética dos estanques, resulta compatíbel coa presenza dos parrulos e crea refuxios para outras especies que poden vivir no Pasatempo e combater a presenza de mosquitos, como libélulas ou anfibios” conclúe.