O BNG demandou a retirada dos valos publicitarios que rodean o campo de fútbol, a carón da estatua da Caridade, no entorno do Pasatempo
As nacionalistas denuncian que os valados "causan un grande impacto visual" neste entorno e lembran que xa demandaron en varias ocasións a súa retirada
Betanzos, 29 de maio de 2024.- O BNG demandou a retirada dos valos publicitarios que rodean o campo de fútbol, a carón da estatua da Caridade, no entorno do Pasatempo. “Tras a inauguración da obra de arte que a artista Carme Nogueiras creou no Pasatempo baseándose na desaparecida Fonte de Neptuno e que é o resultado do proceso participativo desenvolvido grazas a Concomitentes, co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso e de varias administracións e que contou coas achegas de numerosos betanceiros e betanceiras os valos afean ese entorno recuperado”, indicou a concelleira nacionalista Vanessa Rey.
As nacionalistas denuncian que os valados "causan un grande impacto visual" neste entorno e lembran que xa demandaron en varias ocasións a súa retirada. "No seu día propuxemos crear murais no peche do campo de fútbol recreando as postais das partes desaparecidas do Pasatempo e axardinar o entorno da fonte das Catro Estacións, entre outras actuacións", recorda Vanesa Rey.
Desde o BNG piden, ademais, que o goberno local do PSOE informe sobre quen xestiona a explotación destes valados publicitarios colocados no campo de fútbol. "Nas contas non aparecen ingresos por este concepto e nunca se nos achegou documentación sobre ingresos destes valos que están situados nun espazo público", engadiu a concelleira.
Por este motivo, demandan a retirada dos valados no entorno do BIC do Parque do Pasatempo e a nova intervención artístico-paisaxística no entorno da estatua da Caridade. "Agora mesmo degradan este entorno recuperado pola iniciativa veciñal", concluíu Vanessa Rey.