O BNG presentou unha denuncia diante da Valeduría do Pobo para denunciar a falta de transparencia do goberno local
“Desde que se celebran os plenos de xeito telemático a causa da pandemia o goberno do PSOE “está a saltar por riba da obriga legal de que os plenos sexan públicos”
Amelia Sánchez: “a covid-19 foi unha tormenta perfecta para que o goberno do PSOE puxera aínda máis atrancos á transparencia no Concello de Betanzos”
Betanzos, 28 de xaneiro de 2021. O BNG presentou unha denuncia diante da Valeduría do Pobo para denunciar a falta de transparencia do goberno local. Desde o BNG denunciaron as numerosas trabas que o goberno local pon ao acceso á documentación municipal e os atrancos á transparencia.
“Desde que se celebran os plenos de xeito telemático a causa da pandemia o goberno do PSOE “está a saltar por riba da obriga legal de que os plenos sexan públicos”. Sánchez advirte que o Concello conta con medios para retransmitir as sesións en tempo real “posto que usan a mesma plataforma que a Deputación e esta os emite en directo”, que “Concellos con menos recursos como Bergondo os retransmiten tamén en directo” e que conta con persoal abondo para facelo “ao punto de que o persoal municipal de Betanzos foi quen se encargou de retransmitir o último pleno da asemblea de concelleiras para constituír a mancomunidade das Mariñas”.
“De feito, retransmítense en directo sorteos e mesmo roldas de prensa da alcaldesa mentres se negan reiteradamente a retransmitir os plenos nin pola radio municipal nin por streaming, imposibilitando así que os veciños e veciñas poidan acceder á información”, explicou a portavoz nacionalista.
Ademais, a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, explica que “desde o 27 de xaneiro de 2020 no non se entregan as actas das reunións das Xuntas de Goberno, malia reunirse de xeito semanal”.
Abunda que son dúas as leis que obrigan ao Concello a remitir a copia destas actas aos grupos da Corporación e que, ademais, das xuntas de goberno “deliberativas” o goberno de María Barral “non deu a primeira acta, mais ao comprobar o que cobran os edís do goberno local por asistir aos órganos vese que as están a cobrar, polo tanto, enténdense que as celebran mais non dan conta delas”.
Amelia Sánchez denuncia tamén as trabas do goberno local para que o BNG poida acceder a documentación municipal tras solicitalo por rexistro e conforme exixe a Lei. “Pasa cos asuntos que teñen que ir ao Pleno e con documentación que pedimos para fiscalizar a acción de goberno de María Barral e os seus edís” explica. “A suba das taxas da auga e saneamento no pleno de decembro quedou adiada porque non nos entregaron o estudo económico que avalase a suba das tarifas, sen ir máis lonxe” recorda.
“E precisamente co sistema de cita previa implantado desde a declaración da pandemia contribúe aínda máis á opacidade e a non podermos acceder á documentación, cando realmente todo se tramita electronicamente e poderían entregarnos copia dixital ao momento”, explica Sánchez.
A voceira do BNG lamenta que “a covid-19 foi unha tormenta perfecta para que o goberno do PSOE puxera aínda máis atrancos á transparencia no Concello de Betanzos”. “Nin no perfil do contratante están todos os contratos que o Concello fai, nin no portal de transparencia se publica todo o que a Lei e a Ordenanza de transparencia din que ten que haber nin se nos dá a documentación, todo son trabas para evitar que saibamos que se fai dentro das paredes do Concello por parte de María Barral e as edís do PSOE”, conclúe.