AS NACIONALISTAS URXIRON AO GOBERNO LOCAL A APROVEITAR A INSTALACIÓN DE NOVOS PARQUES EN VARIAS PRAZAS PARA COLOCAR ESTES XOGOS “QUE NON EXCLÚAN CRIANZAS DOS XOGOS”.
O BNG volve propór parques infantís adapatados para crianzas con dificultades de mobilidade

Betanzos, 4 de febreiro de 2025. O BNG volveu insistir no pleno na necesidade de mellorar a accesibilidade dos parques infantís e dotalos con xogos adaptados para crianzas con mobilidade reducida ou outro tipo de problemas.
“Cremos na importancia dunha sociedade inclusiva e que favoreza a integración das persoas con mobilidade reducida e, por iso, acostumamos propoñer medidas en positivo para acadar estes obxectivos” explicou a concelleira nacionalista, Vanessa Rey.
As nacionalistas urxiron ao goberno local a aproveitar a instalación de novos parques en varias prazas para colocar estes xogos “que non exclúan crianzas dos xogos”.
Neste sentido de facer a cidade máis accesíbel e inclusiva, as nacionalistas lembran tamén a súa demanda de colocar pictogramas nos espazos e dependencias públicas do Concello para indicar accesos e servizos ás persoas con trastornos do espectro autista. “Hai meses que propuxemos ao goberno local que a fin de facilitar unha maior integración e unha mellor comunicación a esta parte da veciñanza se instalen pictogramas en espazos públicos como parques, museo, biblioteca ou na Aula de Cultura, mais polo momento non obtivemos resposta nin nos consta que estean traballando neste sentido”, explicou a concelleira do BNG Vanessa Rey.