O BNG solicita a adopción de medidas para a inclusión de persoas vulnerábeis
Betanzos, 30 de outubro de 2023.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para elaborar un protocolo con medidas para a atención e a non discriminación das persoas con discapacidades físicas ou cognitivas ou que pertenzan a colectivos vulnerábeis.
Entre estas medias, solicitan a instalación de pictogramas nos edificios municipais, nos parques infantís e na rede de locais sociais de Betanzos. Asemade, instan ao concello a eliminar as barreiras arquitectónicas dos edificios municipais, dos parques infantís e da rede de locais sociais. Na mesma liña, piden adaptar estes edificios para as persoas xordas e cegas. Por último, solicitan que se instalen nos parques infantís de Betanzos xogos para as crianzas con mobilidade ou capacidades reducidas.
En palabras de Amelia Sánchez, voceira do BNG no Concello de Betanzos, “estamos moi comprometidas con esta cuestión e sempre fixemos propostas para que o concello tomase medidas que favorecesen a inclusión das persoas que pertencen a colectivos que se poden considerar vulnerábeis”.
Para as nacionalistas todas estas medidas son primordiais, marcarían un compromiso claro da institución coas persoas vulnerábeis e visibilizarían estes colectivos.