O BNG solicitou parques e xogos adaptados ás crianzas con discapacidade
As nacionalistas consideran necesarias medidas que contribúan á inclusión das persoas con discapacidade física ou cognitiva, nomeadamente as crianzas
Betanzos, 19 de xullo de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego solicitou no último pleno que se levasen medidas para favorecer a adaptación dos parques infantís de Betanzos ás persoas con discapacidades. En palabras da súa voceira, Amelia Sánchez, “a inclusión das persoas con discapacidade física e/ou cognitiva debe ser un dos piares que nos movan no labor de servizo público que temos a obriga de desenvolver. Esta integración resulta especialmente importante cando estamos a falar da infancia”.
Unha vez rematado o curso escolar, os parques énchense de crianzas dispostas a desfrutar do seu tempo de lecer e é aquí cando aparece unha problemática asociada aos nenos e nenas con discapacidade: a ausencia de parques adaptados e seguros para eles, así como a presenza de xogos inclusivos nos parques infantís.
Por este motivo, pediu a realización de mudanzas nos parques infantís do concello para que, efectivamente, sexan accesíbeis e que os nenos poidan entrar, saír e moverse por eles de maneira segura. Na mesma liña, o BNG pediu a instalación de certos xogos inclusivos, destinados a nenos e nenas con discapacidades para que poidan desfrutar dos parques como calquera outra crianza betanceira.
Pictogramas nos espazos municipais para indicar accesos e servizos ás persoas con trastornos do espectro autista
Desde o BNG aproveitaron para insistir na súa demanda de que se instalen pictogramas nos espazos e dependencias públicas do Concello para indicar accesos e servizos ás persoas con trastornos do espectro autista. “Hai meses que propuxemos ao goberno local que a fin de facilitar unha maior integración e unha mellor comunicación a esta parte da veciñanza se instalen pictogramas en espazos públicos como parques, museo, biblioteca ou na Aula de Cultura, mais polo momento non obtivemos resposta nin nos consta que estean traballando neste sentido”, explicou a portavoz nacionalista, Amelia Sánchez. Dado custo limitado da medida e o doado de levala á realidade, Sánchez urxiu ao executivo local a instalar estes pictogramas nos espazos públicos e dependencias de titularidade municipal.