O BNG solicita medidas para o desfrute destas datas das crianzas con discapacidades
As nacionalistas solicitáronlle ao Concello de Betanzos que implemente o uso da tarxeta Dobre A para acurtar os tempos de espera en eventos das festas de Nadal como o ciclo de teatro, o cinema e, especialmente, a cabalgata de Reis
Betanzos, 3 de xaneiro de 2024.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para que se considerase, dentro das actividades dirixidas a público infantil da programación de Nadal, a presentación da Tarxeta Dobre AA ou doutro dispositivo similar para acurtar as esperas das persoas con discapacidades ou con trastornos similares.
Segundo a súa voceira, Amelia Sánchez, “desde hai anos, existe a tarxeta Dobre A, unha tarxeta que limita o tempo de agarda das persoas con discapacidades ou con determinados trastornos como o trastorno do espectro autista. Algunhas vilas estenderon, nestas festas e noutras celebracións, o uso desta tarxeta para eventos culturais e públicos, como maneira de facilitarlle a vida a estas persoas e Betanzos debería seguir este ronsel”.
As nacionalistas solicitáronlle ao Concello de Betanzos que implemente o uso da tarxeta Dobre A para acurtar os tempos de espera en eventos das festas de Nadal como o ciclo de teatro, o cinema e, especialmente, a cabalgata de Reis. “Trátase dunha medida sen custo ningún que facilitaría a vida destes colectivos”, engadiu Sánchez.