O BNG esixe unha solución para a problemática do Complexo San Roque
O Concello leva anos a anunciar solucións que nunca dan chegado e que non conclúen con esta problemática”
Betanzos, 22 de marzo de 2022. O BNG esixiu unha solución para a problemática do Complexo San Roque ante o anuncio de novas medidas contra a empresa adxudicataria da concesión.
Logo da convocatoria da Comisión de Seguimento do Hotel San Roque, o BNG amosou o seu escepticismo polo anuncio do goberno local de iniciar novas medidas para ampliar a denuncia ao actual xestor do complexo. Segundo a voceira do BNG no Concello de Betanzos, Amelia Sánchez, “o Concello leva anos a anunciar solucións que nunca dan chegado e que non conclúen con esta problemática”.
A voceira nacionalista lembrou as múltiples iniciativas plenarias en que se acordou emprender medidas legais despois de que a empresa xestora seguise sen cumprir a concesión nin no relativo aos pagos nin no que tiña que ver co seguro de responsabilidade civil e outros incumprimentos como dar conta ao concello dos subarrendos.
“A concesionaria leva anos vulnerando a legalidade e desde o BNG seguimos insistindo en que imos tarde na toma de decisións e nas actuacións en relación con esta concesión”, criticou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. Na mesma liña, Sánchez incidiu na necesidade de que o goberno local se posicione do lado da veciñanza e defenda os intereses das betanceiras, tomando canto antes todas as medidas que sexan posíbeis.
Por outro lado, no BNG lembraron o agravio comparativo que a situación desta empresa supón para o resto da veciñanza e do empresariado betanceiro.