O BNG vota en contra da conta xeral, reflexo da nefasta xestión do goberno local
No ano da pandemia o goberno local gastou máis de 75 mil euros en atencións protocolarias mentres só reservaron 30 mil para axudas a autónomos e pequenas empresas
Betanzos, 14 de xullo de 2021.- O BNG vota en contra da conta xeral, reflexo da nefasta xestión do goberno local. Na comisión de contas que se celebra hoxe o BNG vota en contra dunha conta xeral que “reflicte unha xestión nefasta para Betanzos, máis se temos en conta que falamos do ano da pandemia da Covid, onde moitas familias, pequenos negocios e autónomos estiveron e están nunha situación moi complicada”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“No ano da pandemia o goberno local gastou máis de 75 mil euros en atencións protocolarias, fronte ás 9600 que prevía o orzamento aprobado para o 2020. Parécenos incríbel e tremendamente irresponsábel que sen apenas ningún tipo de actividade pública, como obrigaban as normas sanitarias e mentres moitas das nosas veciñas estaban vivindo momentos moi complicados desde o punto de vista económico que o goberno gastara máis de 70 mil euros en pinchos e agasallos”, explicou Sánchez.
“A Conta Xeral tamén reflicte un gasto de máis de 41 euros para propaganda, que se ven é certo que algúns gastos poden ser xustificados pola publicidade das normas asociadas á Covid, hai unha gran parte que é o gasto en propaganda do goberno do PSOE destes últimos anos”, engadiu. “Sen embargo para subvencións municipais para as pequenas empresas e autónomos reservou só 30 mil euros, que como xa sabiamos nin sequera executaron o pasado ano. Parécenos lamentábel”, criticou a portavoz nacionalista
Facturas sen fondos e incumprimentos da lei de contratos
A portavoz do BNG criticou tamén o máis de 1.200.000 euros en recoñecementos extraxudiciais de crédito segundo informou a interventora. “Trátase de máis de un millón de euros en facturas sen crédito orzamentario para facerlles fronte, que forzou nun momento complicadísimo como o que vivimos o pasado ano, tivo a pequenas empresas do noso concello agardando meses para cobrar, pola nefasta xestión do goberno local”, indicou Amelia Sánchez.
O BNG criticou tamén os múltiples incumprimentos da lei de contratos, fraccionamentos e falta de tramitación dos contratos menores, que recolle a interventora nos moitos reparos presentados a esta xestión e que os nacionalistas levan anos denunciando.