O BNG solicítalle á Xunta que asuma a xestión e os custos do conservatorio de música de Betanzos
Amelia Sánchez: “Mentres non planifica asumir a competencia dos conservatorios municipais galegos, a Xunta debería convocar axudas para os concellos que cubran os custos da súa xestión”
Betanzos, 29 de outubro de 2024.- O BNG de Betanzos presentará unha iniciativa plenaria coa finalidade de instar á Xunta a que asuma as súas competencias con respecto ao conservatorio de Betanzos, con titulación oficial. Neste sentido, solicitan da Xunta que asuma a xestión do conservatorio e o custo do servizo na súa totalidade.
“O Concello de Betanzos está a asumir o custo dun servizo que é comarcal, sen ningún tipo de apoio da Xunta, que é a administración que ten a competencia neste tipo de ensino”, segundo indica a concelleira do BNG, Amelia Sánchez.
Para as nacionalistas, o mantemento deste servizo comarcal únese á xestión e aos gastos doutros servizos como a escola infantil, o servizo de axuda no fogar ou o comedor escolar e mingua os recursos orzamentarios do concello, que debe deixar de executar outras actuacións que si son competencia propia.
“Mentres non planifica asumir a competencia dos conservatorios municipais galegos, a Xunta debería convocar axudas para os concellos que cubran os custos da súa xestión”, engadiu Sánchez.
Creación dunha rede de conservatorios profesionais de música
Na mesma iniciativa, desde o BNG pediron a creación dunha rede de conservatorios profesionais de música, agrupando os centros por comarcas, de acordo a criterios territoriais de proximidade e de poboación total.
“Trataríase de crear unha oferta equilibrada territorialmente e que atendese os datos de poboación, así como as propostas dos diferentes concellos e das direccións dos centros e as comunidades educativas”, rematou a concelleira nacionalista.