“NON VEMOS NORMAL QUE O GOBERNO LOCAL BOTE FÓRA Á VECIÑANZA CANDO SE QUEIXA DUN PROBLEMA”
Demandamos no pleno unha solución para a falta de profesorado de percusión no conservatorio municipal
Desde o BNG reclaman ao goberno do PSOE que aclare os motivos polos que “non solucionaron o problema de falta de docente como aseguraban que ían facer”.
Betanzos, 8 de agosto de 2019. O BNG demandou no pleno unha solución para a falta de profesorado de percusión no conservatorio municipal elemental Carlos López García Picos. “Este problema vense arrastrando desde o anterior curso”, recordou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
“Como nos temiamos, o curso 2018-19 rematou no conservatorio municipal Carlos López García Picos sen que se cubrise a praza de docente de percusión, co que isto supón de prexuízo para o alumnado e a súa formación nun centro docente oficial público, como é o caso” explicou o portavoz municipal do BNG.
“Segundo nos trasladaron nais afectadas, nunha xuntanza convocada pola concelleira responsábel e o director do centro, pouco menos que se convidaba ás familias afectadas a matricularse noutros conservatorios elementais, a sabendas de que non hai prazas abondo na contorna”, relatou. “Sen ter profesorado, na oferta de matrícula do centro para o vindeiro curso ofrécense 5 prazas de percusión en primeiro curso do ciclo elemental que se imparte” abundou.
Del Río recordou, ademais, que “nin o alumnado matriculado o curso pasado recibiu a súa titulación nin se lle devolveu o importe das matrículas ás súas familias” segundo a información trasladada ás nacionalistas. Desde o BNG reclaman ao goberno do PSOE que aclare os motivos polos que “non solucionaron o problema de falta de docente como aseguraban que ían facer”.
“Non vemos normal botar fóra á veciñanza cando se queixa”
“Non vemos lóxico que se convide á xente a ir a un conservatorio doutro concello téndoo aquí”, explicou o voceiro do BNG. Por este motivo exixiu ao executivo local que aclare “por que motivo se convida á veciñanza a ir buscar servizos que teñen aquí a outros concellos”. “Non cremos este trato sexa o que se lle debe dar á veciñanza”, advirten.