O BNG conseguiu o apoio unánime do Pleno para as súas propostas de apoio ás familias pola volta á escola
Desde o BNG pediron que o goberno local negocie coas compañías de transporte colectivo o estabelecemento de liñas de transporte que unan o noso concello cos campus universitarios e cos CIFP da nosa contorna
O BNG conseguiu tamén o compromiso do goberno de crear unha liña de bolsas de apoio ao transporte e á compra de material escolar
Amelia Sánchez: “apostamos tamén pola creación dunha liña de axudas para a matrícula do Conservatorio e da Escola Municipal de Folclore atendendo a criterios de capacidade económica das familias”
Betanzos, 1 outubro de 2024.- O pleno apoiou por unanimidade a proposta do BNG para apoiar ás familias pola volta á escola. “Nas semanas pasadas, en concreto o día 11 de setembro, produciuse o inicio do curso escolar no ensino obrigatorio, o que significa, na práctica, un gasto extra para as familias con fillos e fillas en calquera etapa educativa”, explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez.
“Ao longo dos últimos anos, no Bloque Nacionalista Galego vimos reclamando ao goberno local que adopte medidas para apoiar estas familias, un apoio que se fai especialmente necesario nun contexto como o que estamos a vivir: sumidas nunha fortísima crise económica marcada pola alza dos prezos”, engadiu Sánchez.
Desde o BNG pediron que o goberno local negocie coas compañías de transporte colectivo o estabelecemento de liñas de transporte que unan o noso concello cos campus universitarios e cos CIFP da nosa contorna. “O noso concello está, en xeral, mal comunicado cos campus académicos así como cos centros integrados de formación profesional da nosa proximidade. Esta necesidade viuse agravada nos últimos anos polo plan de transporte da Xunta de Galiza, que recortou notabelmente as posibilidades de moverse en transporte público da nosa veciñanza”, engadiu a portavoz do BNG.
O BNG conseguiu tamén o compromiso do goberno de crear unha liña de bolsas de apoio ao transporte e á compra de material escolar. “Antes da pandemia da Covid-19 o Concello de Betanzos ofrecía á veciñanza unha liña de axudas para a adquisición de material escolar. Estas bolsas desapareceron, foron substituídas por outras axudas para a compra de equipos informáticos e novamente ficaron no baleiro.
No BNG consideramos imprescindíbel que se retomen estas axudas, especialmente naquelas etapas de ensino non obrigatorio en que non existen outro tipo de bolsas para a adquisición de material e dado o incremento de prezos deste material”, indicou Amelia Sánchez.
A nacionalista conseguiu tamén o apoio unánime do Pleno para estabelecer unha liña de axudas para a matrícula do Conservatorio e da Escola Municipal de Folclore de Betanzos que atenda a criterios puramente económicos.