O BNG solicita a reapertura da emisora de radio de Betanzos
Amelia Sánchez, “pedímoslle ao goberno local a apertura da radio municipal e a dotación do persoal necesario para que a emisora local volva a funcionar”.
Betanzos, 2 de marzo de 2026. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa no pleno ordinario do mes de febreiro, mes en que se conmemora o Día Mundial da Radio, co fin de solicitar a reapertura da radio municipal de Betanzos.
As nacionalistas lembraron que en Betanzos se contou cunha radio municipal nas instalacións de Bellavista, inaugurada en agosto de 1997. A radio cesou na emisión dunha programación continua en 2007, aínda que continuou retransmitindo os plenos municipais e conectando con outras emisoras. A día de Betanzos conta con dúas instalacións de radio pechadas, mais carece de persoal e dunha emisión estábel.
Segundo a concelleira nacionalista, Amelia Sánchez, “a reapertura desta emisora permitiría darlle voz a diferentes colectivos betanceiros: asociacións de veciños e veciñas, centros escolares ou novas agrupacións musicais, que poderían dar a coñecer os seus proxectos e a súa actividade”. Ao mesmo tempo, desde o BNG recalcaron que a radio municipal funcionaría como un axente de transparencia, ao outorgarlle voz aos grupos políticos e aos axentes sociais de Betanzos.
“As emisoras de radio seguen a ser medios de comunicación dinámicos e cun grande potencial, mediante o formato clásico, o podcast ou, mesmo, a transmisión en directo de imaxes a través da rede”, engadiu Sánchez, que tamén indicou que a emisora betanceira se podería adherir á rede galega de radios municipais.
Desde o BNG solicítanlle ao goberno local a apertura da radio municipal e a dotación do persoal necesario para que a emisora local volva a funcionar.