O BNG de Betanzos solicita información sobre o contrato de recollida e tratamento do lixo

Vanessa Rey: “Esixímoslle ao goberno do PSOE información veraz para a veciñanza sobre os avances que se teñen producido nas negociacións entre o Consorcio das Mariñas e Nostián”.

O BNG de Betanzos solicita información sobre o contrato de recollida e tratamento do lixo

Betanzos, 29 de xaneiro de 2026. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa no último pleno ordinario para instar ao Concello de Betanzos a informar á veciñanza logo de coñecer pola prensa que o inicio do proceso de licitación do novo contrato de xestión da planta de residuos de Nostián poñía en evidencia as diferenzas entre a Xunta e os diferentes grupos políticos sobre o futuro do modelo de tratamento do lixo e a súa adecuación ás esixencias europeas.

Segundo a concelleira nacionalista, Vanessa Rey, “diante da nova problemática para o Consorcio das Mariñas, é necesario explicar as consecuencias, os incrementos que previsibelmente poidan producirse nas taxas que se viñan cobrando, así como os motivos desta disgregación e que modelo alternativo se ofrece”.

Desde o BNG indican que a súa postura sempre foi apostar polo estabelecemento de servizos mancomunados como a mellor maneira de garantir unhas prestacións de calidade e uns mellores prezos por eses servizos esenciais á veciñanza e, perante esta nova cuestión, esixen información veraz para a cidadanía sobre os avances que se teñen producido nas negociacións entre o Consorcio das Mariñas e Nostián.

O BNG de Betanzos solicita información sobre o contrato de recollida e tratamento do lixo