O BNG exixe medidas para evitar os asolagamentos no Plan de Xestión de Risco de Inundación

Salvador González: “os episodios de asolagamento son cada vez máis recorrentes e a Xunta de Galiza debe implicarse en tomar medidas para previr e solucionar esta problemática”

O BNG exixe medidas para evitar os asolagamentos no Plan de Xestión de Risco de Inundación

Betanzos, 23 de febreiro de 2026. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de que o Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) recolla medidas efectivas para previr os asolagamentos que están a afectar ás beiras dos ríos e da ría de Betanzos, máis alá de colocar paneis informativos.

Este plan, que é o instrumento principal para previr e minimizar os danos por enchentes, atópase nunha fase de transición entre o segundo ciclo en vigor e o terceiro en preparación. Actualmente non recolle ningunha medida efectiva para previr os asolagamentos, medidas concretas para reducir o impacto das enchentes dos ríos e da marea ou compensacións para as persoas e os negocios afectados por esta problemática, que cada vez se está a tornar máis frecuente.

O concelleiro nacionalista, Salvador González, sinalou que “precisamos medidas concretas que vaian máis alá da colocación de paneis xerais nas zonas de risco. A Xunta, a pesar de investir 700.000 euros nestes paneis, non determinou medidas concretas para reducir o impacto das enchentes dos ríos e da marea en Betanzos, nin posíbeis medidas de compensación para as persoas físicas e para as empresas afectadas pola problemática das inundacións”.

As nacionalistas lembraron que os episodios de asolagamento son cada vez máis recorrentes e que a Xunta de Galiza debe implicarse en tomar medidas para previr e solucionar esta problemática.

O BNG exixe medidas para evitar os asolagamentos no Plan de Xestión de Risco de Inundación