O BNG de Betanzos crítico co orzamento de 2026, a pesar de recoller parte das súas propostas

Amelia Sánchez, “apoiaremos o orzamento deste ano porque recolle propostas como unha partida específica para crear o CIM, a redución do gasto superfluo ou a redución da débeda municipal, mais estas contas están moi lonxe de ser as que o BNG realizaría”.

A aprobación das contas leva consigo o compromiso do goberno do PSOE de presentar e aprobar na primeira parte do ano o plan de turismo, o plan de comercio e o plan de vivenda, así como a convocatoria da Mesa da Ría de Betanzos.

O BNG de Betanzos crítico co orzamento de 2026, a pesar de recoller parte das súas propostas

Betanzos, 30 de xaneiro de 2026. O BNG de Betanzos amosou a súa vontade de apoiar o orzamento municipal para 2026, que o goberno do PSOE presentará a debate a próxima semana, ao recolleren estas contas a maior parte das reivindicacións que lle esixiron ao equipo de goberno. Non obstante, amósanse críticas cun orzamento que, na súa opinión, se limitan a cubrir gastos e precisan de fondos doutras administracións para realizar calquera investimento.

Segundo a súa voceira, Amelia Sánchez, “no proceso de negociación do orzamento, solicitámoslle ao goberno do PSOE que se reducise o gasto relacionado coa publicidade e coas atencións protocolarias; pedimos unha xestión económica máis rigorosa, que levase á redución da débeda municipal; e unha partida específica para a creación dun centro de información á muller, pois non iamos permitir máis anuncios baleiros con este tema e esixiamos que o CIM fose unha realidade en 2026”. As nacionalistas indicaron que todas estas cuestións aparecen recollidas no orzamento, polo que apoiarán as contas no pleno do próximo día 5.

No entanto, amosáronse moi críticas coa xestión económica do equipo de goberno. “Estas non son as contas que o BNG faría. Para comezar, seguimos a ter unha débeda económica considerábel, ao seguir vixente un crédito cunha entidade bancaria por máis dun millón de euros; e, por outro lado, o investimento limítase a aquelas obras que se sufragan con fondos dos plans da Deputación da Coruña (como acontece co propio CIM)”.

O voto responsábel e sensato

As nacionalistas indicaron que, a pesar desta crítica a unhas contas que se limitan a cubrir o día a día do Concello, sen recoller grandes investimentos, Betanzos non pode seguir co orzamento prorrogado, polo que apoiarán as contas.

“Somos un grupo responsábel e sensato, é certo, mais tamén sabemos que somos unha alternativa seria e que un goberno do BNG non tería levado a unha situación económica como a que afronta actualmente o Concello de Betanzos”, apuntou Sánchez.

Desde o BNG indicaron tamén que a aprobación das contas para 2026 leva consigo un compromiso do goberno do PSOE de presentar e aprobar na primeira parte do ano unha serie de documentos moi necesarios para o futuro de Betanzos como o plan de turismo, o plan de comercio ou o plan de vivenda, así como a convocatoria da Mesa da Ría de Betanzos.

O BNG de Betanzos crítico co orzamento de 2026, a pesar de recoller parte das súas propostas