O BNG aposta por un casco histórico peonil que priorice as persoas

Amelia Sánchez: “No BNG apostamos por cambiar cara a un modelo que recupere o casco para as familias, para as persoas. Cómpre cambiar o modelo de mobilidade no casco histórico de Betanzos para devolverlle a vida”

No BNG inciden na necesidade de afrontar a cuestión da mobilidade de maneira ampla e seria, coa aprobación do Plan de Mobilidade

O BNG aposta por un casco histórico peonil que priorice as persoas

Betanzos, 5 de febreiro de 2026. O BNG de Betanzos comunicou que seguirá a defender o seu modelo de casco histórico peonil, un modelo que permita gañar espazos para outras formas de mobilidade máis acordes co entorno histórico, que restrinxa o tráfico rodado e que limite como toda solución o coche particular. Esta comunicación ten lugar logo do anuncio do goberno municipal do PSOE de aprobar esta semana a nova ordenanza de mobilidade que reducirá o tempo de circulación pola zona histórica brigantina.

Segundo indicaron as nacionalistas a través da súa voceira, Amelia Sánchez, “no BNG sempre apostamos por un casco peonil e levamos décadas apostando por este cambio de modelo. Así, desviouse o debate cara aos minutos que eran suficientes para circular pola zona histórica cando o tema é outro. O debate é o modelo. Mentres o goberno pretende que o casco siga a ser un lugar en que predomine a circulación de vehículos, nós apostamos por cambiar cara a un modelo que recupere o casco para as familias, para as persoas”.

Para as nacionalistas, os espazos públicos deben ter como primeiros ocupantes ás persoas, ao entender estes espazos como lugares para a convivencia, o lecer, o dinamismo ou a actividade comercial.

“Nós témolo moi claro: só aqueles cascos históricos que restrinxen a circulación de vehículos teñen vida e recuperan a súa vitalidade. Os exemplos están aí e son de sobra coñecidos”, engadiu Sánchez, que tamén incidiu en que o modelo actual non está a funcionar e en que “cómpre cambiar o modelo de mobilidade no casco histórico de Betanzos para devolverlle a vida”.

Desde o BNG tamén incidiron na necesidade de afrontar a cuestión da mobilidade de maneira ampla e seria. “Levamos anos agardando por un plan de mobilidade que poña sobre a mesa as diversas problemáticas que Betanzos ten neste ámbito, para darlle solución a eses problemas e para procurar unha convivencia axeitada entre peóns e vehículos de diverso tipo”. 

O BNG aposta por un casco histórico peonil que priorice as persoas