Novos usos para o polígono, novos retos para o comercio
Necesitamos un goberno que aposte polo local, que aposte pola proximidade e que aposte por desenvolver o noso Centro Comercial Aberto
Necesitamos un goberno que aposte polo local, que aposte pola proximidade e que aposte por desenvolver o noso Centro Comercial Aberto
Nas pasadas semanas, o pleno do Concello de Betanzos aprobaba a ampliación de usos do Polígono Empresarial de Piadela. Desta maneira, o principal polígono do noso concello pasaba a acoller, ademais de solo industrial, usos comerciais, deportivos e terciarios en xeral.
Desde o BNG non podemos compartir este modelo, que se está a estender por todo o noso País e que está a crear problemas de convivencia tanto dentro dos polígonos, como co pequeno comercio local. Todas e todos somos conscientes da existencia de presuntos polígonos na nosa contorna en que, en lugar de empresas, se estabelecen cadeas de restauración con comida para recoller, franquías de marcas de téxtil ou hipermercados e grandes superficies.
Cando falamos de problemas no interior das propias zonas industriais referímonos á difícil convivencia entre empresas do sector primario coa clientela que acode ás áreas comerciais e ás zonas deportivas que se instalan nos parques empresariais.
Non obstante, para o BNG, o aspecto máis preocupante é o que ten a ver coa convivencia entre este modelo e o pequeno comercio local. Nun momento como o actual, en que os pequenos empresarios e comerciantes aínda están a intentar superar as consecuencias da pandemia da Covid, van ter que facer fronte a un novo reto: a instalación de áreas comerciais nas aforas da vila.
Un novo reto que se une aos xa existentes: a competencia cos grandes centros comerciais, o importante crecemento do comercio en liña ou a crise económica que fai decrecer o consumo.
En lugar de apostar de maneira clara por revitalizar o comercio que se asenta no centro da cidade e no noso casco histórico, o goberno local aposta por permitir a creación dunha nova área comercial en Piadela. Trátase dunha nova agresión ao noso tecido comercial e empresarial que, ao xuízo do BNG, non nos podemos permitir neste momento.
Necesitamos un goberno que aposte polo local, que aposte pola proximidade e que aposte por desenvolver o noso Centro Comercial Aberto. En definitiva, un goberno que aposte polos intereses das betanceiras e non polos das grandes empresas.