Como é sabido, o pasado 18 de febreiro tiveron lugar as eleccións ao Parlamento de Galiza, en que o BNG obtivo o mellor resultado da súa historia. Un resultado que en Betanzos se materializa en 2177 votos (algo máis de 700 votos que nas anteriores eleccións galegas e municipais).
Este apoio da cidadanía, que nos converte na alternativa clara de goberno en Galiza, ademais de enchernos de alegría e de ilusión, dános azos para seguir a traballar no noso proxecto para Galiza e para Betanzos.
Unha vez rematado o período electoral, nas últimas semanas retomamos o noso labor centrándonos no apoio firme e decidido ao sector do pequeno comercio e do empresariado local, representado nunha asociación que aglutina a 170 destes comerciantes e empresarios: ACEBE CCA.
Logo de coñecermos a problemática que estaba a ter lugar para tramitar o convenio económico entre o goberno local e esta asociación, amosámoslle ao equipo de goberno a nosa preocupación polo atraso na xestión do convenio, do que depende boa parte da actividade de ACEBE CCA, e esiximos a súa tramitación e pagamento inmediatos. Da mesma maneira, pedimos explicacións claras dos motivos polos que non se desenvolveron dúas campañas que se tiñan comprometido a organizar xunto con esta asociación.
No BNG de Betanzos sempre mantivemos un compromiso inquebrantábel co comercio local e mantemos que cómpre que os distintos gobernos (municipal, provincial, galego e estatal) promovan políticas en beneficio do sector, para mellorar súa situación. Cremos que o goberno local debe facer un esforzo en promover o consumo no pequeno e mediano comercio, que é unha fonte de riqueza económica e de emprego para a veciñanza de Betanzos e da comarca das Mariñas.
Por iso mesmo, por ser o pequeno comercio un dos motores económicos do noso concello, pedímoslle ao goberno local que solucione de maneira inmediata os problemas de xestión que impiden a sinatura e o cobro do convenio correspondente ao ano 2023 con ACEBE CCA; mais tamén que expliquen os motivos polos que non se desenvolveron as campañas previstas e que se poñan marcha campañas específicas de apoio ao pequeno comercio local.
Desde o BNG temos claro que cómpre implementar políticas de apoio ao pequeno comercio local, é o momento de que este apoio se materialice e se torne en realidade.