O BNG de Betanzos anuncia o seu voto en contra do PXOM

Amelia Sánchez: no BNG apostamos por un Betanzos que avance e medre en servizos, en poboación e en calidade de vida; un Betanzos que defenda o seu patrimonio histórico, cultural e medio ambiental; un Betanzos que garanta o acceso á vivenda; esa foi e será a nosa posición

“Non podemos apoiar un PXOM que permita, en pleno 2026, a construción en zona asolagábel de vivenda, sexa pública ou privada, nun momento en que cada vez hai máis problemas nese tipo de zonas”

O BNG de Betanzos anuncia o seu voto en contra do PXOM

Betanzos, 14 de  maio de 2026. O BNG de Betanzos trasladoulle á opinión pública a súa postura sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal logo de que se convocase o pleno de aprobación provisional do plan.

A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, indicou que “Betanzos necesita un PXOM, as normas subsidiarias que rexen a construción no noso concello son da década dos 90 e xa non se acomodan á realidade e á legalidade urbanística, mais nós consideramos que é mellor contar cun bo PXOM máis adiante e non cun mal PXOM en 2026. É preferíbel agardar e contar cun planeamento que ordene e planifique o crecemento do concello de maneira sustentábel”.

Desde o BNG indicaron que ao longo destes tres anos de mandato intentaron ter unha actitude construtiva, dialogante e propositiva, tanto no tema do PXOM como noutras cuestións que se negociaron co PSOE. Pese a non ser “o seu PXOM”, no BNG indican que fixeron todo o posíbel para mellorar o documento coas súas achegas. Non obstante, as liñas vermellas que se lle trasladaron á veciñanza e ao goberno do PSOE seguen a estar presentes no plan, o que conleva a falta de apoio ao documento.

“Nas negociacións que mantivemos co PSOE conseguimos que se recollesen avances. Así, eliminouse uns dos SUNC de Infesta e reduciuse ao mínimo o outro; eliminouse o vial de Infesta e as construcións que se proxectaban no Frade e na Cañota. Porén, o plan xeral que se leva a pleno segue a permitir a construción no Carregal e, para o BNG, esta zona debe ser unha zona verde para o desfrute do conxunto da veciñanza de Betanzos”, engadiu Sánchez.

As nacionalistas explicaron que non poden apoiar un PXOM que permita, en pleno 2026, a construción en zona asolagábel de vivenda, sexa pública ou privada, nun momento en que cada vez hai máis problemas para as persoas e para as edificacións en zonas deste tipo que antes se consideraban seguras.

Para o BNG, o goberno tiña que escoller entre un modelo de urbanista responsábel e sostíbel ou un modelo desarrollista e especulativo, que poña por diante os beneficios das grandes construtoras.

“Nós apostamos por un Betanzos que avance e medre en servizos, en poboación e en calidade de vida; un Betanzos que defenda o seu patrimonio histórico, cultural e medio ambiental; un Betanzos que garanta o acceso á vivenda; esa foi e será a nosa posición”, concluíu Sánchez.

O BNG de Betanzos anuncia o seu voto en contra do PXOM