"NADA IMPIDE A FACTORÍA COMPATIBILIZAR A SÚA ACTIVIDADE CO CUMPRIMENTO DA NORMATIVA LABORAL E AMBIENTAL, E ISO É O QUE DEMANDAMOS DO GOBERNO GALEGO E DO EXECUTIVO LOCAL”

Pedimos en pleno que goberno local actúe para poñer fin ás emisións de Tafiber en Infesta

quiqueplenoraias

“As queixas veciñais e as causas abertas a esta empresa por presuntos delitos medio ambientais sucédense sen que, polo momento, transcendese que a Xunta nin o concello de Betanzos teñan tomado medida ningunha para por solución a esta situación”.

Pedimos en pleno que goberno local actúe para poñer fin ás emisións de Tafiber en Infesta

Betanzos, 27 de decembro de 2018. O BNG demandou no Pleno que o goberno local tome medidas para poñer fin ás emisións da factoría de Betanzos H.B. en Infesta. Segundo varias persoas explicaron ás nacionalistas, " as fiestras aparecen cheas de pó negro procedente das emisións, que vai en suspensión no propio aire".

O voceiro do BNG, Henrique del Río, demandou no Pleno que se poña fin aos prexuízos que esta situación provoca na veciñanza de Infesta. "As veciñas indicáronnos que levan varios días con emisións que tornan irrespirábel o aire" explicou o edil nacionalista no Pleno.

O BNG demandou tamén no Parlamento de Galiza que a Xunta adopte as medidas de control necesarias para acadar que a empresa de elaboración de taboleiros de fibra de madeira, Tafiber- agora Betanzos HB-, cumpra a normativa ambiental e laboral. Pese a que empresa acumula denuncias e sentenzas por incumprimento da normativa en medio ambiente e por incumprimento da normativa laboral, a factoría ten recibido cuantiosas axudas públicas.

As nacionalistas demandaron á Xunta que faga valar estas subvencións para que a factoría acabe coas irregularidades en materia ambiental, que teñen motivado mesmo sentenzas por vertidos á ría de Betanzos, que está protexida pola Rede Natura.

Ademais, nos últimos tempos sucédense as denuncias veciñais sobre as emisións da fábrica, pese a que a empresa ten recibido axudas para a súa adaptación á lexislación ambiental, incluíndo a súa inclusión en proxecto da Axencia Galega de Innovación. "Nada impide a factoría compatibilizar a súa actividade co cumprimento da normativa laboral e ambiental, e iso é o que demandamos do Goberno galego e do executivo local”, reitera o edil do BNG.

No pasado mes de xullo de 2016, transcendeu que a Fiscalía de Medio Ambiente abriu dilixencias contra a factoría, tras informes previos do SEPRONA, o que motivou que o BNG pedise reiteradamente no Pleno que o Concello de Betanzos se personase na causa para coñecer que tipo de verquidos e emisións son os que saen da fábrica.

"O máis que fixo en todo este tempo o goberno local foi presentar unha denuncia da policía diante da Xunta" explica Del Río. "O goberno local pode facer moito máis, pero o PSOE non quere", lamenta. “As queixas veciñais e as causas abertas a esta empresa por presuntos delitos medio ambientais sucédense sen que, polo momento, transcendese que a Xunta nin o concello de Betanzos teñan tomado medida ningunha para por solución a esta situación”, recordan as nacionalistas.  

Por este motivo, demandan ao goberno local e a Xunta que actúen para exixir á empresa Betanzos HB o cumprimento da normativa en tratamento de residuos e das normas sobre emisión. Advirten que “estaremos enriba do tema como até o de agora, para evitar que volva a quedar en nada, porque o emprego é moi importante, pero non é necesario sacrificar o resto, pódense ter as dúas cousas” abunda o voceiro nacionalista.

 
 
 
Pedimos en pleno que goberno local actúe para poñer fin ás emisións de Tafiber en Infesta