O BNG acusa ao goberno de expoñer o Concello a novas demandas xudiciais
O goberno local non ten escarmentado logo das sentenzas que o obrigaron a reincorporar a tarefas de obras, limpeza e mantemento a varios operarios do anterior GRUMIR.
Betanzos, 12 de marzo de 2013. O BNG advertiu no Pleno de que os operarios do GRUMIR realizan traballos diferentes aos que lles corresponden, como retirar broza ou limpar rúas e prazas, camiños e beiravías. A edila María Otero indicou que esta situación foi denunciada por varias persoas de distintas partes do municipio.
O BNG lamentou que o goberno local non ten escarmentado logo das sentenzas que o obrigaron a reincorporar a tarefas de obras, limpeza e mantemento a varios operarios do anterior GRUMIR. Por este
motivo, os edís nacionalistas acusaron ao goberno local do PSOE de expoñer irresponsabelmente ao Concello a novas condenas por estes motivos.
Acaso non chegan agora os operarios de obras, limpeza e servizos para realizar estes cometidos? insisten desde o BNG, que recordan que tras a readmisión dos operarios do GRUMIR o Concello conta cunha vintena de persoas para os traballos de obras, limpeza e xardinería.
Contratos sen concurso para traballos que pode facer o propio Concello
E a pesar desto seguen contratando empresas para facer estes traballos saltándose a Lei, denuncia o voceiro do BNG, Henrique del Río. Xa que hai persoal de sobra para reparar beirarrúas e xardíns con medios municipais, non entendemos que beneficio dá a Betanzos pagar por algo que xa pode facer o propio Concello.
O goberno do PSOE impide que todas as empresas poidan optar en igualdade de oportunidades a facerse cun contrato do Concello, advertiu o voceiro do BNG. Insistiu en que hai que ser escrupuloso na forma en que se xestionan os fondos públicos, sobre contratos e procesos selectivos non pode haber a máis mínima sobra de dúbida cando temos 1255 veciños e veciñas sen emprego.