O BNG reclama ao goberno local igualdade no trato para todas as entidades veciñais
O BNG recibiu queixas por parte de responsábeis de varias entidades sobre a discrecionalidade con que o goberno local concede ou denega o uso do xenerador municipal e de outros recursos do concello para festas e celebracións veciñais.
Betanzos, 8 de xullo de 2013. O BNG preguntou no Pleno polos criterios cos que o goberno local do PSOE cede o xenerador e palco do Concello para as festas veciñais. Segundo a concelleira nacionalista María Otero, a formación recibiu queixas por parte de responsábeis de varias entidades sobre a discrecionalidade con que o goberno local concede ou denega o uso do xenerador municipal e de outros recursos do concello para festas e celebracións veciñais.
Otero lembrou que este malestar prodúcese a pesar do compromiso do PSOE de apoiar as festas populares e dunha moción que mesmo chegaron a traer ao Pleno cando estaban na oposición. Desde o BNG indican que o goberno local está a facer xusto o contrario do que prometera na oposición como en tantos outros casos.
Por este motivo, os nacionalistas exixiron que o goberno do PSOE aclere c on que criterios se ceden ou denegan estes recursos que pagamos cos cartos de todos e todas. Desde o BNG advirten de que nuns casos se ceden e noutros non e interpelaron ao PSOE se considera esta práctica admisíbel nunha sociedade democrática?.
O BNG recorda que o Pleno aprobou unha moción para crear unha caixa de recursos para que entidades e colectivos poidan organizar eventos e dinamizar así o tecido asociativo. Segundo explica o voceiro do BNG, Henrique del Río, nesta caixa collerían tanto equipamento audiovisual coma estes recursos para organizar eventos ao aire libre.
O goberno do PSOE apoiou a nosa moción asegurando que xa se estaban cedendo estes equipos ás entidades, o que non era certo naquela altura e segue sen selo a día de hoxe, indicou o voceiro nacionalista. A pesar de que a concelleira de participación cidadá, Mónica Carneiro, asegurou que os equipos se cedían con total normalidade atopámonos con esta actuación claramente discriminatoria, advirten desde o BNG.
O BNG propuxo que estes recursos fosen de uso gratuíto polas entidades e que se puidesen solicitar directamente por medio da web municipal. Lonxe do trato en igualdade de condicións que debe fomentar o Concello, igual que no caso do uso dos locais sociais municipais vemos como para o PSOE hai entidades de primeira e de segunda, censuran desde o BNG.
O goberno local do PSOE tampouco desenvolveu unha programación formativa para asociacións e colectivos ao longo do curso, acorde coas súas necesidades (contabilidade, impostos, subvencións, creación de asociacións, ).
En ambos casos, os nacionalistas aseguran que estas dúas propostas súas son medidas que requiren moi poucos cartos, que dependen máis da vontade de levalas adiante que de fondos. Se cadra é por iso que non o fan, porque non é negocio para contratrar a dedo unha empresa, ironiza o voceiro do BNG.