O BNG reclamou ao PSOE que rectifique e atenda as demandas da mocidade en relación coa biblioteca
"Non é de recibo o total desinterese do PSOE a calquera demanda veciñal, e máis concretamente ás da mocidade.
Betanzos, 5 de xullo de 2013. O BNG lamentou que o goberno local decidira pechar a biblioteca municipal polas tardes neste mes de xullo. O PSOE demostra de novo a súa total falta de interese polos problemas da mocidade, criticou o voceiro do BNG, Henrique del Río, xa que as convocatorias de exames dos universitarios son nos meses de xuño e xullo, aínda que o goberno local o descoñeza ou lle resulte indiferente.
Para o BNG, O PSOE deixa sen alternativa ás mozas e mozos que utilizaban a biblioteca municipal para preparar os seus exames. Nin manteñen o horario da biblioteca nin abren a sala de estudo que a mocidade demanda, indican. Os nacionalistas entenden que sería unha medida sen custo, só de axustar a organización do servizo.
En maio levamos ao Pleno a demanda das mozas e mozos que usan a biblioteca para estudar de que se ampliase o horario da biblioteca pública ou se habilitase unha sala de estudo que mesmo podería abrir e pechar o estudantado cun programa de voluntariado, recordou o voceiro do BNG. Pois na práctica o goberno local non só non deu resposta a esta demanda senon que fixo xusto o contrario pechar a biblioteca polas tardes reducindo aínda mais as posibilidades de uso para o estudantado.
Se hai queixas entre a mocidade pode que se deba ás condicións en que abría esta sala
A resposta do PSOE é que a sala de estudo non tiña demanda, sen pensar en que a falta de usuarios cando se hai queixas entre a mocidade pode que se deba ás condicións en que abría esta sala, indicou Del Río. Aínda mais, o PSOE intentou culpabilizar á mocidade con comentarios como que a sala de estudo se utilizaba para actividades distintas ao estudo, para non facilitar á xente nova os servizos que demandan e aos que como toda a veciñanza teñen dereito, cuestiona.
O BNG indicou que nós só damos traslado ao Pleno das demandas e queixas dun grupo de mozos e mozas e reclamou do PSOE que escoite a mocidade e intente dar resposta á estas necesidades sexa coa aula de estudo, a ampliación do horario da biblioteca pública ou calquera outra solución que poidan atopar. O que non é de recibo é o total desinterese do PSOE a calquera demanda veciñal, e máis concretamente ás da mocidade, indicou o voceiro do BNG.
Documentación: escoita a resposta do PSOE
Premendo nesta ligazón podes escoitar a quenda de preguntas do Pleno de xuño. No primeiro tramo respóstanse as preguntas formuladas no Pleno de maio. A partir do minuto 02:07 podes escoitar a resposta do goberno local do PSOE sobre a sala de estudo e as súas intencións de reabrila este ano.