O BNG lamenta que o alcalde pida medio millón para un carreiro á beira do río
Están moito mellor investidos eses cartos en necesidades como amañar o saneamento ou no Casco Histórico, que cae a cachos e non nun camiño que non se vai poder manter.
Betanzos, 6 de marzo de 2013. O BNG cuestionou no Pleno que o goberno local manteña varios edificios sen ningún uso logo de investir unha cantidade importante de cartos públicos e actualmente están, no mellor dos casos, infrautilizados; a maioría baleiros, sen uso. Segundo indicou a concelleira do BNG María Otero, estes edificios baleiros supoñen un monumento ao dispendio.
O matadoiro, a biblioteca infantil e o cine Alfonsetti están sen apenas uso, no mellor dos casos, advirten os nacionalistas. Sobre o matadoiro, o BNG xa cuestionou que tan só se empregue para ceas. Xa dixemos no seu día que o problema non era regular o seu uso senón darlle un uso, porque non se pode regular o que non existe, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Con respecto ao cine Alfonsetti, ademais de seguir cuestionando o pago da indemnización aos Pita, desde o BNG lamentan que o goberno do PSOE sexa incapaz de darlle unha programación estábel. Non é cuestión de cartos, é cuestión de ter ideas e vontade, indican os nacionalistas, que ademais recordan que o alcalde mentiu cando dixo que ía reservar unha partida nos orzamentos para o equipamento de son que o cine aínda non ten.
No caso da biblioteca infantil, desde o BNG seguen insistindo en que non ten sentido gastar cartos para facer obras que despois non se poden manter. O PP co plan E fixo en Betanzos o que está criticando noutros concellos e agora estamos a pagar todas e todos as consecuencias, censuran.
A maiores destes edificios, os nacionalistas tamén chamaron a atención sobre o albergue de peregrinos, da Xunta de Galiza. Parece que por fin o van abrir despois de un ano coas obras rematadas e pechado, indican. Para unha obra que tiña que estar lista no 2010, chega algo tarde, ironizan. O BNG insistiu, ademais, na súa demanda de reservar unha parte das prazas do albergue para persoas sen fogar. O que non pode ser é que vaia estar baleiro boa parte do ano e a xente durmindo na rúa, cuestionan.
Unha senda de medio millón de euros
O BNG lamenta que o alcalde non aprendeu nada de ter estes edificios millonarios baleiros e pida medio millón para un carreiro á beira do río. Despois de que o goberno local fixera pública a petición á Deputación para acometer unha obra que consideran prioritaria, os nacionalistas indicaron que están moito mellor investidos eses cartos en necesidades como amañar o saneamento ou no Casco Histórico, que cae a cachos e non nun camiño que non se vai poder manter. O Concello ten medios para facer un camiño máis modesto por ese trazado e mantelo cos propios traballadores municipais, concluíron.