O BNG propón que parte das prazas do albergue se destinen a persoas sen fogar

O BNG propón que parte das prazas do albergue se destinen a persoas sen fogar

“Despois de máis de ano e medio no que o goberno local do PSOE non propuxo nin unha soa medida para paliar os efectos da crise, por fin propoñen algo, un banco de alimentos, que é algo moi necesario no noso concello pero non deixa de ser un parche e non unha solución”.

Betanzos, 20 de decembro de 2012. O BNG pedirá no pleno que o Concello de Betanzos celebrará o vindeiro día 27 que o goberno local chegue “a acadar un convenio co Xacobeo para que se reserven unha parte das prazas do novo albergue de peregrinos para acoller persoas sen fogar”. Os nacionalistas recordan na súa moción que o albergue do Xacobeo non está aínda en funcionamento e suxiren que algunhas das súas trinta prazas sexan reservadas para persoas sen fogar.

Para levar adiante este servizo, desde o BNG propoñen que o goberno local xestione “desde os servizos sociais municipais,o acceso a estas prazas das persoas que o precisen sempre prestando atención á dignidade da persoa”. Henrique del Río, portavoz municipal do BNG, explicou que a moción dos nacionalistas ademais propón “crear unha bolsa de recursos (mantas, lavadora, roupa…) para complementar este servizo e facer fronte a outras necesidades que poidan xurdir”.

Os nacionalistas aseguran que “no noso Concello non hai ningún albergue ou aloxamento para estas persoas sen fogar”, que de momento son un número “relativamente pequeno, aínda que é probábel que se siga incrementando polos efectos da crise económica e das políticas de empobrecemento das maiorías sociais que continúan aprobando o goberno central e o galego, ambos en mans do PP”.

“Entendemos que cun custe mínimo, xa que a obra xa está feita e sen uso, se podería dar un servizo que evite situacións terríbeis como as que estamos vivindo”, indicou o edil nacionalista. “Hai persoas que en pleno inverno están durmindo na rúa, nos caixeiros ou nos portais e non hai un albergue ao que se poidan dirixir”, explicou Del Río.

Un banco de alimentos que sexa un servizo público, que cree dereitos para os usuarios

O BNG congratulouse de que o goberno local do PSOE por fin propoña algunha medida para paliar os efectos que a crise e as políticas da dereita están tendo sobre os mais febles. “Despois de máis de ano e medio no que o goberno local do PSOE non propuxo nin unha soa medida para paliar os efectos da crise, por fin propoñen algo, un banco de alimentos, e pensamos que algo moi necesario no noso concello”, indicou o voceiro nacionalista. “Dito isto, non deixa de ser un parche, non unha solución. Nun momento crítico pode evitar situacións tráxicas pero non é solución a nada”, asegurou o nacionalista.

O BNG insisitiu, ademais, en que o banco de alimentos que prevé crear o goberno local se configure “como un servizo público”. Para que isto estea garantido, a dicir do voceiro nacionalista, “o Concello ten que se responsabilizar da xestión do mesmo, non pode descargalo no voluntarismo de calquera entidade xa que falamos de crear servizos e de garantir dereitos, non de dar caridade”.

“A xestión debera correr integramente por conta dos Servizos Sociais municipais, outra cousa é que se artellen programas de voluntariado social para as tarefas de acopio e reparto dos alimentos”, indican desde o BNG. “Entendemos que a función do goberno local é proporcionar servizos non caridade e tentar sempre defender a dignidade das persoas”, concluíu.

O BNG propón que parte das prazas do albergue se destinen a persoas sen fogar