O BNG pedirá no Pleno que se regule a instalación de antenas de telefonía
Del Río: non é a primeira vez que Betanzos ten problemas neste asunto, polo que consideramos que debe ser regulado.
Betanzos, 19 de decembro 2012. O BNG presentou esta mañá unha moción solicitando a creación dunha comisión que redacte unha ordenanza reguladora da instalación de antenas de telefonía móbil. O voceiro nacionalista, que compareceu acompañado por veciños afectados pola instalación dunha antena en Viraventos, explicou que queremos que os veciños poidan participar na elaboración desta ordenanza.
O BNG lembrou que a ausencia de regulación neste tema só beneficia ás grandes empresas. Nin Xunta nin Estado regulan a instalación das antenas e os Concellos fan o que consideran, asegurou Henrique del Río, que recordou que non é a primeira vez que Betanzos ten problemas neste asunto, polo que consideramos que debe ser regulado.
Está visto que se houbera trinta operadores, trinta antenas deixaba colocar o goberno local do PSOE en lugar de racionalizar a súa instalación, ironizou. O voceiro nacionalista apelou ao sentido común e ao principio de precaución que recomenda a Unión Europea xa que polo momento non está comprobado que as antenas de telefonía sexan nocivas para a saúde, pero tampouco está claro que non o sexan. Non deixa de ser chamativo que a ONU recomende colocar as antenas a unha certa distancia dos colexios, explicou.
O BNG tamén aludiu ao impacto visual destas instalacións para defender unha regulación sobre a súa colocación. O que non pode ser é que saian onde lles cadre como os cogumelos no outono, ironizou.
O alcalde asegura que estaría cometendo unha prevaricación de non conceder a licenza á antena de Viraventos, lembrou Del Río. Retamos ao alcalde, e que non dea a calada por resposta, a ver como lle chama a ter unha obra sen licenza diante dos fuciños e consentir que continúe a pesar das denuncias da veciñanza. O que non pode ser é que a un veciño se lle pare unha obra sen licenza, que está ben parada, pero que a unha grande empresa se lle consinta, concluíu.