O BNG propón que o Concello compre a electricidade a cooperativas verdes
O BNG impulsará unha lei contra a pobreza enerxética
O BNG impulsará unha lei contra a pobreza enerxética
Betanzos, 22 de setembro de 2016. O BNG proporá no Pleno que o Concello adquira a enerxía eléctrica a cooperativas que comercializan e xeran electricidade producida de maneira sostíbel. Explican que este cambio é perfectamente legal e realizábel, e indican a modo de exemplo, como o goberno do BNG en Rianxo “está xa explorando esta vía, contratando de forma progresiva a subministración para os distintos servizos e dependencias municipais”. Por este motivo, e como un primeiro paso, as nacionalistas propoñen que o Concello estude a fondo a posibilidade de cambiar os subministradores enerxéticos, priorizando o contrato cunha das cooperativas eléctricas do País.
As nacionalistas indican que este modelo, ademais, é respectuoso co medio, ao contrario que o modelo das minicentrais fomentado polos gobernos do PP. “Temos debatido no Pleno moitas veces as consecuencias negativas para Betanzos de ter o Mandeo inzado de minicentrais”, recorda o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río. Nese sentido, as nacionalistas propoñen desenvolver un “plan de recuperación e explotación pública directa dos saltos hidroeléctricos mediante a creación dunha empresa pública, contando para a elaboración do citado plan coa participación dos concellos afectados”.
Incidindo nesta idea, as nacionalistas defenden un cambio no actual marco lexislativo e propoñen favorecer a existencia de máis produtores de electricidade para así contribuír á fin do actual oligopolio eléctrico, fomentando dun xeito especial as cooperativas de consumo e produción enerxética, así como as empresas municipais de produción renovábel.
Desde o BNG, afirman que a enerxía ten que verse como un servizo universal e non, como na actualidade, baixo a forma dun oligopolio. Propoñen que o Concello opte por contratar o subministro eléctrico con cooperativas que xeran enerxía de xeito limpo e sostíbel, para facer un uso ético e social da enerxía.
“Unha boa parte dos beneficios obtidos por esas distribuidoras de base cooperativa dedícanse a bonos sociais destinados ás persoas en situación de pobreza enerxética”, sinala Henrique del Río. Por iso, as nacionalistas queren impulsar unha lei contra a pobreza enerxética, para protexer aqueles fogares que destinan máis do 10% dos ingresos a gas e electricidade”.
“Son as grandes eléctricas quen cobran de máis na factura, e cobran por transportar a enerxía que se produce en Galiza a outros países do Estado español mentres aquí, onde producimos máis enerxía da que consumimos, pagámola máis cara e temos peor servizo”, sostén Del Río.