O BNG leva a Pleno as queixas veciñais pola falta de limpeza nas rúas

20160816_093540
20160816_093540

“Convén lembrar que o servizo de limpeza das rúas está parcialmente privatizado, o cal amosa o estrago de cartos públicos en contratar á empresa privada algo que non funciona”

O BNG leva a Pleno as queixas veciñais pola falta de limpeza nas rúas

“Convén lembrar que o servizo de limpeza das rúas está parcialmente privatizado, o cal amosa o estrago de cartos públicos en contratar á empresa privada algo que non funciona”

Betanzos, 20 de setembro de 2016. O BNG levou a Pleno o malestar da veciñanza pola suciedade de rúas e espazos públicos nas últimas semanas. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, destacou que son queixas recibidas por veciñanza “de diversos puntos do centro urbano” a causa do “amoreamento do lixo e  e polo cheiro e lixiviados procedentes dos colectores do lixo”. 

Para Del Río, resulta “moi ilustrativo” o caso “dun colector do lixo ubicado na rúa dos Ánxeles, cunha marca seca de escorrentía de augas sucias no pavimento de varios metros”. Desde o BNG remarcan que, malia o exemplo, “isto deuse mesmo nos puntos de maior afluencia turística”.

Por este motivo as nacionalistas demandaron no Pleno que o goberno local aclare “por que motivo se deu esta situación” durante o verán. “Convén lembrar que o servizo de limpeza das rúas está parcialmente privatizado, o cal amosa o estrago de cartos públicos en contratar á empresa privada algo que non funciona” remarca o edil do BNG.

O nacionalista tirou de ironía para cuestionar ao goberno local se “considera  que a veciñanza non ten dereito aos mesmos servicios en verán e inverno” dado que Betanzos estivo “especialmente porco” nas últimas semanas. “Menos onde tocou sacar brillo para o paso da Vuelta”, ironiza.

O goberno local oculta os datos da privatización da limpeza viaria

As nacionalistas denuncian que o executivo local continúa ocultando o custo total e os diversos contratos das empresas que asumiron o servizo de limpeza de edificios e espazos municipais. “Pedimos copia de todas os contratos, sexan do tipo que sexan, e pedimos tamén copia de todas as facturas por estes servizos para poder ter a certeza do que se gasta na privatización da limpeza”, indica Del Río.
 
Desde o BNG recordan que o goberno ten, segundo a Lei, cinco días para poñer a disposición dos concelleiros da oposición a documentación que solicitan. Neste sentido, desde o BNG cuestionan que o goberno local deixara de remitir ao Pleno a relación de contratacións e facturas mensuais que no anterior mandato se facilitaba. “É moi irónico que hoxe o Concello, cun Portal de transparencia, sexa menos transparente que nunca”, engadiu Del Río.

O BNG leva a Pleno as queixas veciñais pola falta de limpeza nas rúas