O BNG propón ao Pleno a posta en marcha dun Plan municipal de Vivenda
Vanessa Rey: “Un Plan Municipal de Vivenda permitiríalle ao concello afrontar de maneira integral os desafíos actuais en materia de vivenda, garantindo o dereito a unha vivenda digna para toda a veciñanza e promovendo un desenvolvemento urbano sostíbel e equilibrado”
Desde o BNG pediron tamén ao goberno a creación e apoio funcionamento dun grupo de apoio á lactación e á maternidade a través do departamento de Servizos Sociais, así como a colaboración necesaria para a creación deste grupo de apoio á lactación e á maternidade
Betanzos, 29 de xullo de 2025. O BNG propón ao Pleno a posta en marcha dun Plan Municipal de Vivenda. “O Concello de Betanzos é un municipio cunha marcada actividade turística ao longo de todo o ano e , especialmente, en tempada alta, onde moitas vivendas son destinadas a usos turísticos de curta duración, segundo datos do Rexistro de empresas e actividades turísticas (REAT) da Xunta de Galiza, o número de vivendas de uso turístico (VUT) sitúase nas 154. Con todo, a realidade evidencia unha cifra maior, ao existiren vivendas destinadas a este fin que carecen de regulación e control, como pode comprobarse visitando portais web especializados”, explicou Vanessa Rey.
“Esta proliferación de VUT supón unha redución da oferta de vivenda dispoñíbel para alugueiros de longa duración, e unha carga adicional para os servizos públicos municipais, xa que o Concello de Betanzos non percibe unha contraprestación pola actividade económica que supoñen as VUT, ao non existir unha taxa turística que compense o uso intensivo dos servizos e infraestruturas municipais”, engadiu.
“Por outra banda, existe unha elevada porcentaxe de vivendas baleiras”, indicou a concelleira do BNG. “Se a estas cuestións engadimos a suba xeneralizada e constante dos prezos da vivenda, tanto en alugueiro como compra, a conclusión é clara: corremos o risco de que a oferta existente non satisfaga a demanda, resultando nunha escaseza de opcións de alugueiro e nun incremento significativo dos prezos de compra. Esta situación dificulta o acceso á vivenda, especialmente para a poboación moza e as familias con rendas medias ou baixas”, engadiu Rey.
Desde o BNG consideramos que a vivenda debe ser un dereito garantido polas administracións públicas, e non un ben suxeito á especulación. Por iso, solicitaron que se regule e limite as vivendas de uso turístico a través dunha ordenanza municipal, xunto con outras medidas como a elaboración dun censo municipal de vivenda baleira e creación dunha bolsa de vivenda a prezos taxados, crear incentivos para que os propietarios de vivendas desocupadas as poñan no mercado de alugueiro, especialmente a prezos accesíbeis -isto podería incluír bonificacións ou gravames fiscais, programas de alugueiro garantido ou axudas e asesoramento para a rehabilitación- e o fomento da restauración de vivendas.
“A implementación deste tipo de medidas a través dun Plan Municipal de Vivenda, permitiríalle ao concello afrontar de maneira integral os desafíos actuais en materia de vivenda, garantindo o dereito a unha vivenda digna para toda a veciñanza e promovendo un desenvolvemento urbano sostíbel e equilibrado”, concluíu Vanessa Rey.
Grupo de apoio á maternidade
En Betanzos, un grupo de nais teñen expresado a súa vontade de constituír unha agrupación deste tipo e procuran apoio institucional para o proxecto, un apoio que no BNG consideramos necesario e de grande importancia, dada a relevancia social destes agrupamentos para compartir a experiencia da maternidade.
A día de hoxe, o departamento de Servizos Sociais conta cunha Escola de pais e de nais, mais no BNG consideramos que a creación e o apoio desta iniciativa permitiría facer un seguimento máis amplo de todo o proceso da maternidade e ambas as iniciativas poderían coexistir.
Por iso, desde o BNG pediron tamén ao goberno a creación e apoio funcionamento dun grupo de apoio á lactación e á maternidade a través do departamento de Servizos Sociais, así como a colaboración necesaria para a creación deste grupo de apoio á lactación e á maternidade.