O BNG propón 2025 como Ano Castelao no Concello de Betanzos

Amelia Sánchez: “Cómpre elaborar un programa de actividades arredor da figura de Castelao que implique ao conxunto do tecido asociativo de Betanzos e da comarca das Mariñas”.

O BNG propón 2025 como Ano Castelao no Concello de Betanzos

Betanzos, 7 de xaneiro de 2025. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de dedicar o ano 2025 á figura de Afonso Daniel Rodríguez Castelao. A iniciativa, que foi aprobada por unanimidade, pretende conmemorar os 75 anos do falecemento do literato e político de Rianxo o 7 de xaneiro de 1950.

A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, indicou que “independentemente dos actos que se organicen desde outras institucións, o Concello de Betanzos debe dar un paso adiante e elaborar unha programación propia que conmemore o 75º cabodano de Castelao, non en van a biblioteca municipal leva o nome do narrador, dramaturgo e debuxante”.

Para o BNG de Betanzos, neste programa de actividades, debería implicarse ao conxunto do tecido asociativo de Betanzos e da comarca das Mariñas e debería reflectirse o carácter poliédrico do rianxeiro, recollendo actos literarios, teatrais, plásticos e, mesmo, de investigación lingüística ou política; dando especial protagonismo no programa á Biblioteca Municipal Castelao e ao conxunto do Museo das Mariñas.

Para as nacionalistas, a declaración do ano 2025 como “Ano Castelao” é unha maneira de lembrar e de poñer en valor a quen vén de ser nomeado Primeiro Presidente de Galiza polo Parlamento galego (por un acordo de 15 de novembro segundo o cal se recoñece a presidencia de Castelao do Consello de Galiza, un goberno galego no exilio constituído no Uruguai en 1944).

O BNG propón 2025 como Ano Castelao no Concello de Betanzos