Por un modelo de subvencións máis transparente e xusto
No BNG consideramos que o goberno local do PSOE debe actuar con celeridade neste tema e darlle unha solución á cuestión, convocando xa as axudas pendentes e cumprindo a palabra dada ao BNG
No BNG consideramos que o goberno local do PSOE debe actuar con celeridade neste tema e darlle unha solución á cuestión, convocando xa as axudas pendentes e cumprindo a palabra dada ao BNG
Desde o BNG apostamos sempre por unhas institucións transparentes e democráticas, que traten a toda a veciñanza con igualdade. Esa aposta deixámola ver nas nosas iniciativas plenarias e nas nosas actuacións públicas e institucionais.
E como froito dese compromiso coa transparencia, incluímos no acordo asinado co PSOE para que María Barral fose investida como alcaldesa a substitución dos convenios nominativos por liñas de concorrencia competitiva naqueles casos en que fose posíbel, que se convocarían todos os anos e que cambiarían o anterior modelo por outro máis xusto e aberto ao conxunto do tecido asociativo e deportivo, como todas as betanceiras coñecen.
Para o BNG, non se trata dunha cuestión secundaria, trátase de estabelecer uns criterios obxectivos e equitativos á hora de axudar a financiar as actividades que realizan as asociacións que traballan en Betanzos e de garantir un acceso ao diñeiro público xusto e igualitario.
Ao longo destes meses, desde o BNG insistimos na necesidade de facer esa substitución do modelo de subvencións, un traballo que rematou hai meses e que non se materializou pola falta de compromiso do PSOE á hora de poñer en práctica este acordo. O que acordou o BNG co grupo do goberno municipal foi traballar en varias liñas de subvencións, que incluirían as entidades deportivas, as entidades culturais ou asociacións veciñais. Porén, a día de hoxe, só se fixo efectiva a convocatoria das bases das subvencións dirixidas a entidades deportivas para o ano 2024, unhas axudas as que se destinan 62.000 euros e que cobren as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro e o 5 de decembro de 2024.
O tempo aprema, pois estamos a falar de subvencionar actividades que se realizaron ao longo de 2024, ademais de que se require un tempo para a realización dos trámites e para a súa posterior xustificación.
No BNG consideramos que o goberno local do PSOE debe actuar con celeridade neste tema e darlle unha solución á cuestión, convocando xa as axudas pendentes e cumprindo a palabra dada ao BNG, mais tamén cumprindo co compromiso adquirido coas diferentes entidades culturais, ambientais e, en xeral, co tecido asociativo que desenvolve o seu labor en Betanzos e que dinamiza a nosa vida social, cultural e veciñal.