O BNG presenta alegacións para que se introduza o galego na escola infantil municipal
O BNG tamén propón eliminar as restricións á admisión de alumnado con necesidades educativas especiais, xa que o regulamento limita a catro os alumnos deste tipo no centro.
O BNG propón conmemorar o Día de Rosalía con actividades culturais e lúdicas
Betanzos, 28 de xaneiro de 2015. O BNG presentou as súas alegacións ao regulamento da escola infantil municipal. Fundamentalmente os nacionalistas propoñen dúas modificacións á norma impulsada polo goberno local do PSOE."Propomos que se cumpra o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento de Galiza en 2004, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. O regulamento do PSOE contempla o ensino tan só no idioma maioritario, mentres que o Plan establece que no ensino de 0 a 3 anos cando menos 1/3 da docencia debe ser en galego, engade.
Pensamos que sería moi importante fomentar a aprendizaxe do galego na escola infantil municipal e non deixalo de lado, apunta o edil do BNG. Está comprobado que quen domina dúas linguas desde pequeno ten máis facilidades para adquirir máis coñecementos e para aprender máis idiomas no futuro, abunda. Sería unha mágoa que non se corrixise esta situación e se privase ao alumnado da única escola infantil municipal dun mínimo de ensino no que o noso idioma sexa a ferramenta, estaríaselles negando acceder, de novos, ao idioma e a cultura do seu propio país, engade.
O Instituto Galego de Estatística puxo recentemente de relevo que na última década Betanzos perdeu o 20% dos falantes en galego, explica o edil nacionalista. Son uns datos moi preocupantes para o futuro do idioma e a actuación responsable se queremos que perviva non é precisamente sacalo da escola infantil, senón todo o contrario, asegura.
Desde o BNG tamén propoñen eliminar as restricións á admisión de alumnado con necesidades educativas especiais. O regulamento limita a matrícula a un alumno ou alumna por aula, catro en total no centro, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. O goberno local explicou que nunca se dera o caso de ter máis, pero iso non debe servir para pechar a porta da escola infantil se o caso se dá, sostén.
Por este motivo, o Bloque tamén propón que se detinen os fondos suficientes para dar a formación necesaria ao persoal da escola infantil para facer fronte ás distintas necesidades educativas especiais. Se o regulamento do PSOE supedita a admisión de alumnado á existencia de condicións de infraestrutura idóneas e persoal axeitado o Concello ten que garantir que o persoal está debidamente preparado e non utilizar ao persoal como escusa para deixar alumnado fóra da matricula, engaden.
Conmemorar o Día de Rosalía con actividades culturais e lúdicas
Os nacionalistas propoñerán, ademais, conmemorar o vindeiro 24 de febreiro como o Día de Rosalía de Castro. Na moción que debaterá mañá o Pleno o BNG propón que se promovan lecturas públicas de textos de Rosalía, conferencias e exposicións en torno á poeta nacional, murais baseados na súa obra ou colocar bandeiras e pancartas con versos da súa obra en vivendas e edificios públicos.
Rosalía foi pioneira en defender o galego e devolverlle o uso literario, reivindicar e homenaxear a Rosalía é tamén garantir a presenza do galego na escola infantil municipal ou apoiar calquera iniciativa que loite a prol da normalización do idioma, explica Del Río. Reivindicármonos como fillos de Rosalía é tamén solicitar da Xunta de Galiza unha mudanza na política lingüística desenvolvida até o momento, retomar o consenso e promover, nun prazo máximo de seis meses, mudanzas lexislativas substanciais guiadas pola activación de políticas lingüísticas a prol do galego, conclúe.