O BNG demandará no Pleno a xestión directa dos parques de bombeiros
A empresa privada adxudicataria só contrata e xestiona o persoal dos parques de bombeiros e os medios que empregan, mentres que tanto os locais como os medios materiais e de formación están sendo financiados polo propio Consorcio provincial contra incendios e salvamento con fondos públicos.
Betanzos, 26 de xaneiro de 2015. O BNG demandará no Pleno que Xunta e Deputación recuperen a xestión pública directa para os parques comarcais de bombeiros. Os nacionalistas propoñen que o Consorcio Provincial contra incendios e salvamento da Coruña anule todo o procedemento administrativo do concurso de xestión dos parques comarcais de bombeiros, actualmente paralizado a causa de varios recursos.
Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, o concurso para manter privatizados os parques de bombeiros tería unha vixencia de 8 anos, prorrogábeis por un máximo de 8 anos máis. Os parques de bombeiros, como o betanceiro de Piadela, dependen do Consorcio Provincial contra incendios e salvamento da Coruña que está participado ao 50% pola Xunta e a Deputación da Coruña e financiado no 100%, por tanto, con fondos públicos.
O funcionamento dos parques comarcais de bombeiros xestionados por empresas privadas deixa bastante que desexar tanto a nivel do número de persoas contratadas como de medios materiais e a formación e equipamento dos bombeiros, explica o voceiro nacionalista, que recentemente mantivo unha xuntanza de traballo con representantes dos bombeiros.
O actual concurso lanzado polo PP desde Xunta e Deputación, advirten os nacionalistas, suporía a creación da figura do coordinador de parques, que tería un soldo superior aos 40 mil euros mentres que as empresas escatiman á hora de contratar persoal para cubrir os estándares mínimos que marca a Unión Europea. Segundo datos dos propios bombeiros, os parques de bombeiros comarcais contan con 3 persoas por quenda mentres que a recomendación nos servizos de bombeiros da UE fixa un mínimo de 5 por quenda: 1 mando, dous bombeiros de intervención e dous bombeiros de rescate explica o concelleiro do BNG.
Para o BNG, este proceso, ademais das cuestións xa referidas, está lastrado pola experiencia que nos últimos anos houbo en relación coa actuación das diferentes empresas concesionarias. Vulneracións de dereitos laborais dos e das traballadoras, resistencia das empresas a negociar un convenio colectivo ou despidos disciplinarios de traballadores como arma de presión relatan os nacionalistas.
Neste tipo de contratos, ademais, a empresa privada adxudicataria actúa como un intermediario que só contrata e xestiona o persoal dos parques de bombeiros e os medios que empregan, mentres que tanto os locais como os medios materiais e de formación están sendo financiados polo propio Consorcio provincial contra incendios e salvamento con fondos públicos.
Actualmente no noso país, só o parque comarcal de Silleda está xestionado de forma pública directamente pola administración explican os nacionalistas, que engaden que o gasto de xestión deste parque é inferior ao do resto de parques de bombeiros privatizados, ofrecendo ao tempo, tanto un servizo de maior calidade (conta cun bombeiro por dotación máis, un camión máis) como mellores condicións laborais para o seu persoal.
Non só é preciso evitar a externalización da xestión e recuperar con iso a xestión pública directa, senón afondar nun modelo de organización dun servizo de emerxencias integrado en toda Galiza explican desde o BNG. Fai falla un novo modelo onde haxa unha coordinación e progresiva integración dos servizos até agora organizados a través de distintas administracións e consorcios nun servizo público unificado, engade Del Río.
Por este motivo, desde o BNG propoñerán que Xunta e Deputación desenvolvan e cumpran a vixente lei de emerxencias de Galiza en canto á homoxeneización, formación e promoción interna e a creación do corpo de bombeir@s de Galiza. Do mesmo xeito, desde o BNG propoñen que o goberno galego impulse a coordinación e integración dos servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento, a partir dos servizos públicos actuais, para dar unha acaída resposta ás situacións de catástrofe, calamidade ou emerxencia en todo o territorio galego a partir de servizos públicos profesionais.
Finalmente, a moción que o BNG defenderá no Pleno demanda á Xunta que regule orientativamente os prezos públicos dos servizos que prestan os parques de bombeiros, garantindo a gratuidade daqueles servizos ocasionados de xeito involuntario, fortuíto ou con ocasión de graves catástrofes ou calamidades.