O BNG insiste en remunicipalizar o complexo deportivo do Carregal

As nacionalistas destacan que esta auditoría foi exixida polo BNG no acordo de investidura. “Semella que aparte de ser legal, cousa que sempre defendimos e que o PSOE negaba, non ten maior custo para a veciñanza como tamén defendían eles”

“A maior diferenza de custo que presenta débese ao software de xestión e a unha furgoneta adscrita ao servizo, cuestións facilmente solventables recorrendo a software aberto e ao propio parque móbil municipal”

O BNG insiste en remunicipalizar o complexo deportivo do Carregal

Betanzos, 6 de xuño de 2025. O BNG insistiu na necesidade de remunicipalizar o complexo deportivo do Carregal para garantir unhas instalacións deportivas de calidade para a veciñanza de Betanzos. As nacionalistas consideran que o estudo de remunicipalización encargado polo goberno local do PSOE demostra que é viable e sostible economicamente a xestión directa das piscinas e o polideportivo municipais.

As nacionalistas destacan que esta auditoría foi exixida polo BNG no acordo de investidura. “Semella que aparte de ser legal, cousa que sempre defendimos e que o PSOE negaba, non ten maior custo para a veciñanza como tamén defendían eles”, engaden desde o BNG.

Para a portavoz municipal do BNG, Amelia Sánchez, “o estudo demostra que é factíbel legalmente e viábel economicamente que o Concello asuma directamente a xestión do complexo deportivo do Carregal”. “A maior diferenza de custo que presenta débese ao software de xestión e a unha furgoneta adscrita ao servizo, cuestións facilmente solventábeis recorrendo a software aberto e ao propio parque móbil municipal”, detalla. “Por outra banda indícase que é necesario un administrativo e un responsábel do servizo. Isto soluciónase redefinindo na relación de postos de traballo do Concello as tarefas do cadro de persoal actualmente existente e estabelecendo un responsábel, xa temos xuristas e un técnico de deportes na RPT”, abunda.

“Non é un custo inasumíbel e non é desde logo algo que marque a diferenza para optar por un modelo de xestión máis eficiente e que garante que por diante do beneficio económico que busca calquera empresa concesionaria está a prestación dun servizo deportivo de calidade para todas as veciñas e veciños de Betanzos”, explica a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.

A portavoz nacionalista lembra que “aínda hai uns días levamos ao pleno outra vez o malestar das usuarias da piscina pola falta de mantemento das instalacións”. “A falta de mantemento é unha constante en todos estes anos de concesión da piscina do polideportivo debido precisamente a que as empresas privadas buscan o seu beneficio e o beneficio vén á conta de reducir o investimento necesario para manter o complexo”, conclúen desde o BNG.

O BNG insiste en remunicipalizar o complexo deportivo do Carregal