Ven de saír a exposición pública o proxecto de amaño da estrada AC 542 no Camiño da Estación- o treito entre As Cascas e a rotonda da autovía, en Infesta. O primeiro que chama a atención, precisamente, é que esquece abordar os problemas de seguridade viaria no resto de recorrido da AC-542 por Montellos e Guiliade.
A seguridade viaria en torno á estrada Betanzos-Mesón do Bento é unha constante desde que temos representación no Parlamento e o pleno do Concello. Aínda o pasado mes demandabamos medidas adicionais para garantir a seguridade das persoas ao seu paso por Guiliade e este mes reiterabamos a demanda de máis pasos de peóns en Infesta. Así que, de entrada, no BNG celebramos que por fin a Xunta do PP se digne a construír beirarrúas na ponte que salva a vía do tren en Infesta- dicía Feijóo no seu día en resposta parlamentar que era imposíbel... Mais lamentamos que o faga só dun dos lados da estrada.
Preocúpanos que se siga concibindo Infesta como unha estrada para acceder a Betanzos e non se atendan as necesidades da veciñanza que reside no núcleo a ambos lados da vía- como acontece na Angustia coa N-651 de titularidade estatal. Só hai un paso de peóns- o actual, diante do local social- que obriga a cruzar ás bravas ou dar rodeos innecesarios.
Botamos en falta medidas de calmado do tránsito na recta de Infesta e mais en torno á zona escolar do Camiño da Estación, incluíndo un camiño seguro escolar do que se leva década e media a falar.
Lamentamos que non se resolva o acceso ás distintas pistas e núcleos e mesmo que se proxecte impedir o acceso ao Coto- co tránsito que xenera a residencia de anciáns- desde o centro de Betanzos, obrigando a dar un rodeo a un cambio de sentido novo na curva do Petón.
Entendemos que debería aproveitarse a intervención para acompasar este investimento coa necesaria renovación do colector xeral do saneamento que baixa desde o poligono, prevista no PXOM, a instalación de canalizacións separativas de augas residuais e pluviais e o soterramento de tendidos eléctricos e de telefonía.
E consideramos que a nova rotonda que propón para o desvío constrúe un 8 innecesario para dar voltas para acceder ou saír do Coto xunto coa media rotonda do Petón e mais un tapón que conxestionará aínda máis a rotonda das Cascas.
En base a estas cuestións, que xa contrastamos coa veciñanza de Infesta, desde o BNG presentaremos alegacións para mellorar este proxecto. Do mesmo xeito, poñémonos a disposición da veciñanza que desexe máis información ou axuda para formular alegacións.