O BNG pide información e transparencia pola ausencia de atraccións nas festas de San Roque
As nacionalistas solicitáronlle ao goberno local transparencia e información veraz sobre a non instalación de atraccións no Carregal e pediron novas actividades para a mocidade.
Betanzos, 14 de agosto de 2025. O BNG de Betanzos expresou o seu pesar pola ausencia de atraccións para a mocidade nas festas de agosto de Betanzos e esixiulle ao goberno do PSOE que lle ofreza á veciñanza información e transparencia ante a ausencia destas atraccións.
Segundo a voceira do BNG, Amelia Sánchez, “despois do anuncio do goberno local, lamentamos que a mocidade quede sen alternativas para a súa diversión nas festas patronais de Betanzos e esixímoslles ao goberno socialista que lle faga chegar á veciñanza toda a información sobre este tema de maneira clara e veraz”.
Desde o BNG de Betanzos lembran que na sesión plenaria do pasado mes de xullo pedíronlle ao goberno local que fixese un seguimento da instalación dos diferentes postos e atraccións que chegan para participar nas festas de agosto, co fin de garantir a seguridade na instalación destes postos, entendendo sempre que a seguridade é o primordial e tendo presentes os últimos accidentes en instalacións deste tipo ao longo do país.
Non obstante, desde o BNG indican que descoñecen os motivos últimos da non instalación das atraccións no Carregal. Segundo a súa voceira, “carecemos de información clara sobre os motivos que levan a esta situación e só coñecemos o contido do comunicado institucional”.
Na mesma liña, desde o BNG pedíronlle ao goberno local que programe novas actividades para a mocidade nestas festas, ao quedar este grupo de idade sen alternativas para a súa diversión logo deste anuncio.